Videoclub.com.es: un innovador espazo galego onde alugar e descargar películas

mércores, 11 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Na cuestión do aluguer de películas, semella confirmarse a intención das empresas de tentar poñernos as cousas cada vez máis sinxelas. É dicir: se nós (polas razóns que sexan) non imos á película, as empresas máis innovadoras e competitivas (ou sexa: as máis espertas) farán todo o posible por facer que o filme veña a nós. Se cadra é nesta liña de innovación onde cómpre situar a Videoclub.com.es, unha iniciativa galega (probablemente pioneira na nosa terra) onde os seareiros do cinema poderán mercar películas ou alugalas a través de Internet, tanto para descarga como para visionado por streaming. Trátase polo tanto dun videoclub en liña, que inclúe nas súas achegas técnicas unha calidade de imaxe e son de 1064 Kbps, “de xeito que os internautas teñan a posibilidade de acceder a un amplo catálogo de títulos a partir da comodidade do seu fogar”, informan os responsables.
Detrás da iniciativa está a empresa galega NAI, con sede en Bertamiráns (no concello de Ames), que achegou o seu propio sistema de descarga e visionado de arquivos a través de Internet.
Segundo informa a empresa devandita, “o aluguer de películas permitirá acceder ao arquivo do filme que se desexe ver durante un período de 48 horas a partir da primeira visualización, mentres que a compra da película, a diferenza de outras webs semellantes, permite descargar a ISO do DVD orixinal libre de codificacións e lista para usar”. Ademais (prosegue), o sistema de descarga directa que Videoclub.com.es vén de preparar permite baixar ao equipo un filme en aluguer en tan só 1 hora cun acceso ADSL de 1Mb, tempo que se reduce en boa medida se contamos cun ADSL superior.

PUBLICIDADE