A Internet galega continúa a bater no lume
Seguimos, unha vez máis, co noso repaso polo drama do lume que nos ofrece a rede galega, onte se contan por centos os artigos de mobilización e protesta, as imaxes que denuncian a catástrofe e até os vídeos e os arquivos de son. Así, medrou de xeito notorio o albume do grupo Arde Galiza creado onte no Flickr (xa hai máis de 170 imaxes de denuncia hoxe xoves 10 pola mañá) e a iniciativa web do mesmo nome que puxo en marcha o colectivo Arredemo ferve de actividade (convocatorias, reflexións, análises das protestas, voluntariado, artigos, etc). Tamén podemos atopar información útil sobre diferentes formas de voluntariado (incluídos teléfonos) nos foros de Arroutada ou en Galizaindymedia.org. Asemade, o equipo de Vieiros segue a envorcar os seus esforzos en dar parte da catástrofe e Chuza!, Blogalego e Blogoteca seguen a operar como sinais indicadores da información máis salientable. Importante tamén o labor do xornal escrito en galego Galicia Hoxe, que na súa edición en liña ofrece cada día unha ampla reportaxe sobre o drama. Igualmente, temos que destacar outros espazos web de Galiza onde segue activa (e seguirá) a loita contra o lume. Uns exemplos: · Vía Chuza! atopamos un moi interesante artigo da Radio Televisión Portuguesa onde (decididamente) achéganse máis chaves críticas e máis lucidez sobre o que acontece ca en moitos xornais en liña españois. Fálase neste texto dunha “industria do fogo” e de individuos e colectivos ós que lles interesa que exista, do mesmo xeito que a industria armamentística precisa da violencia e das guerras para sobrevivir. · En Meteogalicia non se ofrece información directa sobre o lume, mais non cabe dúbida de que as previsións do tempo son material informativo de primeira orde estes días de desfeita incendiaria. Hoxe día 10 e mañá venres 11 non se prevén grandes cambios no tempo, pero o sábado entrará dende o Cantábrico unha masa de aire máis fría e húmida, o que pode significar certo acougo no medio da catástrofe. · O blog O Baul segue a ofrecer vídeos sobre traxedia dos incendios. · Primeiralinha.org, a web comunista galega, é estes días un espazo mobilizado contra o lume. · A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) convida ós internautas a loitar contra o lume facendo accións de voluntariado. Estas serían xestionadas a través do teléfono 900 400 800 da Vicepresidencia da Xunta. · A do Morrazo foi, sen dúbida, unha das comarcas galegas máis castigadas polo lume (máis do 60% do seu territorio foi pasto das lapas). Temos partes de “guerra” dende alí a través do blog Del Morrazo, onde se inclúen fotos e vídeos de denuncia. · O blog De Paso é como un conxunto de cartas enviadas dende a liña de fronte. Entre os textos remitidos collemos unha frase: “Perdimos os bosques, gañamos lazos de veciñanza trenzados con solidariedade pero tamén cunha agrisada desesperanza”. · A Bola Extra volve á vida. We didn´t start the fire acompaña o rexurdimento. E unha frase que o resume todo: Porque toda Galicia é un retén. · Xornalaberto dá conta nun artigo extenso da postura de actores e as actrices de Galiza contra o lume (importante telos aí, o seu labor, eles que son caras coñecidas). · Galicia Confindencial, importante tamén no seu labor informativo. · “Oxalá chova axiña”: frase atopada en Vigoblog e repetida, neste intre, por centos de milleiros de galegos e galegas. · Fernando Garrido, en Estrelas e Limóns, vixía dende Madrid a súa terra. “Os nosos montes arden bem”. E tanto que é así (e Fer, cólloche emprestada a foto). · Juan Varela, tamén pendente da súa nai terra dende Periodistas 21: “Galicia arde, pero o espírito colle folgos e resiste”.
|