|
|
| Xoves, 2 de Setembro de 2010 |
|
Juan Varela substitúe en Santiago o termo blogs polo de identidades de dominio público O que hai que mellorar nos blogs Ó xuízo do galego Juan Varela, o máis axeitado que se pode facer para fracasar dende a blogosfeira é pecharse nunha habitación cun pequeno grupo de xente escollida. Iso é, precisamente, o que fixo Dan Gillmor, que vén de anunciar a venda do seu proxecto Bayosphere logo dun ano do seu lanzamento.Gillmor, gurú do universo bitacoreiro, caeu nun erro moi común nestes tempos que corren, segundo Varela: “Porque converteu algo que debía ser un foro social nunha plataforma sobre el mesmo, cunha comunidade moi pechada que non medrou e que non se abriu a outras comunidades”. O que hai que mellorar no xornalismo O xornalismo está en crise e só a prensa de balde semella estar atopando solucións a este problema. Esta é unha das ideas sobre as que se apoiou gran parte do relatorio de Juan Varela, sobre todo no que se refire ó capítulo sobre a relación (e a confrontación) entre prensa escrita tradicional (xornalistas da vella garda) e a blogosfeira, onde se pon de manifesto outro xeito de comunicar. Polo tanto, nin sequera as promocións (DVDs, atlas, guías, etc) que acompañan hoxe en día a tódolos xornais poderán seguir mantendo esta situación durante moito tempo. O aire fresco, sinalou, vén do lado da prensa de balde, “que é a única que está de verdade gañando lectores, algo que nin sequera acadou Internet”. A Rede, comentou, sube, pero moi paseniño: “A súa audiencia medra a chimpos, en función das novas que xorden”. Mais, cales son as chaves desa crise do xornalismo da que tanto se fala? Ó seu xuízo, son as seguintes: · Crise da obxectividade (concepto que, por certo, antes dos anos cincuenta nin sequera existía) · Crise de autoridade · Crise de información: datos hai moitos e opinións tamén, pero información... pouca. · Crise de audiencia: estamos a vivir a fin da era dos grandes medios de comunicación de masas. · Crise de atención: con tódolos blogs que existen, e tódalas webs e tódolos elementos de lecer, quen ten hoxe o mesmo tempo que antes para dedicalo á lectura dos xornais? (a realidade, dixo, é que estamos saturados, por iso precisamos “menéames” e “chuzas”, porque doutro xeito a situación sería terrible). Polo tanto, estamos en certa maneira ante unha nova era. Unha era na que se está a dar un asalto cidadán ós medios (“e xa era hora de que isto acontecese”, engadiu) e na que se está a substituír a credibilidade pola confianza. Deben os vellos medios informativos aceptar esta realidade, asumila e potenciala? En definitiva, é preciso un cambio nese concepto do xornalismo, como tamén é preciso un cambio na política, que vive días de crise da representación: “Un exemplo disto vímolo no que aconteceu en Francia, con esa gran fenda que separa o pensamento do Goberno do pensamento dos cidadáns”. |
|
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
|
Grupo Código Cero Comunicación |
|