Lopéz Orozco, en diálogo coa comunidade internauta no seu blog
Vía Eva Campos, coordinadora de novos proxectos de Europa Press, descubrimos que Xosé López Orozco, alcalde de Lugo, é o segundo alcalde de capital de provincia en España que publica un blog, mais o realmente importante non é iso, senón que é o primeiro deles que inclúe a posiblidade de incluír comentarios dos internautas. É dicir: López Orozco manteríase así fiel ás funcionalidades dos blogs e a unha das súas primeiras razóns de ser: establecer debates (e xa que falamos de discusións construtivas que nacen na blogosfeira, cómpre que estemos atentos ó que pode dar de si EnBlogs´06, un espazo onde a vida imita ás bitácoras). O blog, que inclúe entradas a cotío, non é un mero buzón de suxestións ó alcalde, en primeiro lugar poque nos buzóns de suxestións tradicionais as misivas soen ir directamente á papeleira sen abrirse primeiro. Pódese considerar como un acto de valentía o feito de que un político se expoña deste xeito ante a comunidade internauta, onde tanto xorden comentarios interesantes como insultos persoais (aproveitando condicións de certo anonimato)? Que cada lector pense o que lle pareza, pero está claro que López Orozco xa sabía o que se lle ía vir enriba antes de converterse en blogger. É dicir: aceptou as regras do xogo. Sexa como sexa, benvido á blogosfeira, alcalde.
|