Dimensiona e Vieiros ofrecen versións galegas de xornais como El Mundo ou El País
Un dos privilexios que achega a tecnoloxía é poder ver traducida unha plana do xornal deportivo Marca en galego, ou a páxina de cultura de La Razón ou a de economía de El País. Os tradutores on line, cada vez máis efectivos e compatibles, están a revolucionar dende a raizame o xeito de entender a comunicación. Nesta liña é onde sitúa o Traduza-G, unha ferramenta desenvolvida pola empresa compostelá Dimensiona que está a ser empregada por Vieiros para que os seus lectores poidan ver edicións de distintos xornais españois traducidas á nosa lingua. A adopción deste servizo, que é un paso máis de Vieiros nesa liña de traballo de “ir sempre alén nas novas”, permite a tradución automática do castelán ó galego a unha velocidade de 4.600 palabras por segundo. Dito doutro xeito: pasar á nosa lingua a edición completa de O Quixote, sobre un equipo informático máis ou menos potente, levaría aproximadamente dous minutos. A ferramenta Traduza-g ten, segundo apunta Dimensiona, as seguintes características: intelixibilidade (achégase ao 100%, non existindo case ningunha frase que non se entenda logo de ser traducida), fiabilidade (é do 99%), e riqueza (de dicionario, con 30.000 palabras raíces). Ademais, permite traballar en rede (ideal para empresas de envergadura obrigadas a manexar boas cantidades de información), en modo intranet e en modo Internet. No caso de Vieiros, o que temos é un caso de tradución de web en liña que se basea na captura da chamada a unha web escrita en castelán para devolvela logo traducida ó galego. As posibilidades de Traduza-G, nun eido de traballo galego que cada vez máis valora máis a información (e o xeito de presentala: a forma), son tantas como se poida imaxinar. Son usuarias desta ferramenta xornais como Galicia Hoxe (o único escrito en galego), a operadora R ou editoriais como Vicens Vives ou Toxosoutos. Tamén é unha ferramenta de primeira orde para as administracións locais e provinciais. O funcionamento de Traduza-G baséase no emprego dun software “moi elaborado que, por unha banda, permítenos diferenciar o código e os elementos web do contidos”, sinala Dimensiona. E prosegue: “Estes trátaos un potente motor de tradución automático que transforma o texto do castelán ao galego mediante complexos algoritmos de tratamento sintáctico das frases, e que se relacionan cunha base de datos que contén un dicionario bilingüe moi completo”.
O emprego da ferramenta Traduza-G en Vieiros e o feito de poñela a disposición dos lectores forma parte dos actos de conmemoración cos que a web galega celebra unha década de traballo (dende o Nadal de 1996 informando).
|