Taller Web 1.0: un proxecto para mellorar as webs públicas facendo falar á cidadanía
Que ocorre se os cidadáns opinan sobre as webs das súas institucións públicas? Non sería unha boa cousa que fosen os propios usuarios os que decidisen o rumbo a seguir polos servizos que as administracións poñen na Rede e que, a fin de contas, son a cara visible das administracións? Pola xornalista galega (e colaboradora nosa) Eva Campos soubemos da existencia da iniciativa TallerWeb 1.0, na que ela está implicada de xeito directo. Trátase, polo tanto, dun proxecto que se está a levar a cabo en Euskadi e que vai orientado a mellorar na medida do posible os portais de diversas institucións públicas vascas, como por exemplo o Concello de Vitoria-Gasteiz, o Parlamento vasco, as Xuntas Xerais de Álava, o Sistema Nacional de Bibliotecas de Euskadi e o propio Goberno vasco. A iniciativa, organizada pola Asociación Internet & Euskadi, está a piques de entrar na súa segunda fase, cun obradoiro a celebrar entre os días 19 e 20 de xaneiro e que será como a colleita (no real) de todo o cultivado ata este momento en Internet (no virtual). E que é iso que se cultivou? Pois é o seguinte: unha longa listaxe de suxestións e propostas emitidas pola cidadanía internauta en xeral co fin de mellorar as webs públicas que, dalgún xeito, máis preto lle quedan.
Todo isto culminará, polo tanto, no Centro Montehermoso de Vitoria-Gasteiz, nas devanditas xornadas, cun gran encontro (cara a cara) entre usuarios, expertos en novas tecnoloxías e representantes das institucións. Logo, cando xa non quede ningún dos participantes sen expresar a súa opinión, traballarase en algo que será coma o resumo de toda a iniciativa, o Decálogo de Vitoria-Gasteiz, un manifesto por puntos ó que sen dúbida acabará dirixíndose a atención doutras asociacións de internautas do territorio español.
A xornalista galega Eva Campos, unha das catro persoas encargadas da leva-las rendas do obradoiro e da redacción do devandito decálogo, púxonos ó tanto do significado e obxectivos deste proxecto: trátase dun espazo virtual e presencial de encontro entre profesionais das institucións públicas vascas, do mundo universitario e profesional e a cidadanía en xeral para que o intercambio de ideas e propostas permita mellorar a presenza das institucións públicas na Rede e avanzar no traballo colaborativo. A finalidade de todo isto? Garantir unha boa utilización das tecnoloxías por parte das administracións e que non sexan, así, unicamente táboas de anuncios, albumes de fotos ou saúdos dos alcaldes, senón servizos útiles e accesibles que fagan a vida dos cidadáns máis doada e, por outra banda, traballen a prol de superar a fenda dixital (dito doutro xeito: haberá máis persoas conectadas a Internet se de verdade hai uns poderes públicos que entendan que as súas webs e as sedes onde desenvolven as funcións son a mesma cousa).
|