Código Cero - Diario Tecnolóxico
DIARIO DIXITAL

Novas Tecnolóxicas de Galicia con boletíns por correo electrónico e edición en papel nos quioscos galegos.

PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  CONTACTAR CON NÓS


Xoves, 2 de Setembro de 2010

               

Nova

Só un 19% dos fogares galegos ten acceso a Internet, segundo o informe da Rede de Telefónica
Non hai cambios no que se refire á penetración da Sociedade do Coñecemento en Galiza. Segue tan baixa como sempre, á cola de España. Así o reflicte o informe da Sociedade da Información en España 2005 que vén de presentar Telefónica perante os medios informativos. Segundo esta investigación, feita pública este martes día 13 polo presidente da operadora, César Alierta, e a vicepresidenta do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, só un 19% dos fogares galegos conta con acceso a Internet e, destas conexións, unicamente un 8,66% son de banda ancha.

Asemade, a taxa de galegos e galegas que se conectou á rede no último trimestre é do 29,4%, oito puntos por debaixo da media española. O informe de Telefónica, que empresta este ano especial atención ó nivel de acceso das pequenas e medianas empresas, quere ser ademais un motivo para a reflexión para que dende o sector público (e o privado) se teña en conta o que hai de mellorable nas novas tecnoloxías en España. Deste xeito, faise mención dos motivos da baixa penetración. No caso de Galiza, non hai nada novo ó respecto: seguen a ser envellecemento da poboación e o accidentado da nosa orografía os principais impedimentos para superar a fenda dixital. A iso hai que engadir o carácter rural da nosa sociedade, ademais da falta de sensibilización e de formación axeitadas. Así e todo, hai índices nos que Galiza sae ben parada, como na penetración de telefonía, que é do 90,9 % nos fogares galegos no que respecta á fixa e do 70,22% no que se refire á móbil. Polo que atinxe ó sector empresarial, cómpre dicir que canto maiores son as empresas, mellor é a situación na Sociedade do Coñecemento. Estas son as cifras:
· O computador está presente no 98% das pequenas e medianas empresas e no 88% das microempresas
· O 90% das pequenas e medianas empresas conta con acceso á Rede, taxa que cae de xeito estrepitoso ata o 68% no caso das microempresas.
· O 44% das pemes ten sitio web, e unicamente o 22% das microempresas
Polo que respecta á administración, as cifras oscilan igualmente entre o moderadamente positivo e o negativo. Do total de galegos que utilizan as novas tecnoloxías, o 29% da poboación, algo máis da metade accede ós servizos da e-Administración. Disto se desprende que aproximadamente un 17% dos galegos fan uso das ferramentas que as institucións públicas poñen á súa disposición en Internet. Ademais, o 44% ten páxina web, a maior parte dirixidos ós cidadáns.

Bares e restaurantes, os que menos se conectan
Este informe de Telefónica, que xa vai pola súa sexta edición, indica que o nivel de conexión de a Internet é en España directamente proporcional ó tamaño da empresa. Este dato, que pon de relevo unha situación inxusta (a peor cara da globalización), complétase coa seguinte porcentaxe: ata un 37% das microempresas españolas vive neste momento de costas á Sociedade da Información, carecendo de PC e, por suposto, de acceso á Rede. Entre as microempresas, o sector da hostalería é o menos favorecido na situación, cunha maior porcentaxe de desconexión (o 69% das empresas), seguido polo comercio minorista (53%) e o de transporte (39%), dous sectores que, como se indica no informe, son precisamente dos máis representativos da economía española.

Cinco millóns de accesos de banda ancha
O informe de Telefónica inclúe, como cada ano, detalles sobre o nivel de penetración de Internet a nivel español, facendo especial fincapé no que ocorre cos accesos de banda ancha. Pois ben, segundo o estudo, estímase que 31 de decembro de 2005 xa estará superada a cifra dos cinco millóns de accesos de banda ancha fixa, dos que mais do 77% baséanse na tecnoloxía ADSL. A taxa de penetración da Internet de alta velocidade sitúase en torno ó 8%% dos fogares españois que están conectados á Rede.

Análise do mellorable… e do empeorable
O estudo, como radiografía que é da Sociedade da Información en España, pon de manifesto todo aquilo que fai que o país estea na cola da Unión Europea en uso das ferramentas dixitais (precisa mellorar) e, ó mesmo tempo, todo aquilo polo que non hai que preocuparse (progresa axeitadamente). Para que se entenda, hai que mellorar, sobre todo, nisto: no uso do comercio electrónico. A razón? A ninguén se pode escapar a idea de que en España hai unha forte tradición mercantil presencial, con releo incluído. E a tradición, neste e noutros aspectos, é unha lousa. Pola contra, o país vai ben encamiñado na dispoñibilidade de caixeiros automáticos e terminais de venda, na conectividade a Internet e no uso de banda ancha nas empresas de máis de dez empregados.

O perfil dos internautas: de que planeta veñen?
España está dividida. Por unha banda están os internautas, e pola outra as persoas que nunca se conectaron á Rede. De entre estas últimas (a diferenza do que ocorre coa división do país en ideoloxías de dereita e de esquerda, moito máis inmobilistas), hai unha ampla franxa de xente á que só lle fai falla un lixeiro empurrón para converterse en internautas. Se podería dicir que están maduros. Pero este último movemento faise agardar, e as taxas e porcentaxes semella que non progresan moito de un ano para outro. Como por exemplo a da penetración de Internet na poboación, que é do 41,1%, similar abondo á do ano pasado. Segundo o informe de Telefónica, neste momento o país ten 15 millóns de internautas, que elixiron o fogar propio (nada como o fogar) como base de operacións on line referencial. Así, o 65% dos internautas son internautas caseiros, por diante dos internautas laborais, que representan o 32,7%. Polo que se refire ó seu comportamento, dicir que máis do 20% accede á Rede a cotío, mentres que o 34,6% fíxoo ó longo do último mes. A falla de interese e de formación seguen a ser os motivos principais da non utilización de Internet. Isto dáse sobre todo entre as persoas de máis idade, algo que se pode apreciar na seguinte estatística: o 70% dos mozos de idades comprendidas entre os 14 e os 19 anos acceden a Internet, fronte ó 1,6% dos maiores de 65 anos. A fenda dixital é, polo tanto tamén, unha nova fenda xeracional.

Recomendacións
A sexta entrega do informe A Sociedade da Información en España conclúe cunha serie de consellos e ideas tendentes a sensibilizar ós diferentes axentes públicos e privados para traballar conxuntamente a prol de superar as moitas fendas dixitais que existen dentro do país e con respecto a outros países. Aquí van uns cantos consellos:
· Que España debuxe e adapte o seu propio desenvolvemento á estrutura económica e as peculiaridades socioeconómicas do país.
· Fornecer o tecido industrial arredor do sector tecnolóxico (non chega con ter un bo mercado tecnolóxico). Dito doutro xeito: debería conseguirse dunha ve por todas que as pequenas e medianas empresas que constitúen este tecido industrial adopten de xeito decidido o uso das novas tecnoloxías da información.
· Convencer ós cidadáns da utilidade de Internet (as barreiras para o desenvolvemento da Sociedade da Información en España non están na dispoñibilidade de infraestruturas senón na percepción da súa utilidade por parte dos potenciais usuarios).

Entrevista
Pablo López
Consultor e xerente de Hacce

Firma convidada
Moncho Paz
Moderador de Xanela Aberta en Código TV


















Caixa Galicia







PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  CONTACTAR CON NÓS

Grupo Código Cero Comunicación
UNINOVA- Recinto MercaGalicia
Polígono Industrial do Tambre - Vía La Cierva s/n
15890 Santiago de Compostela
Teléfono 981 51 96 00 Extensión 36 - 981 93 63 24
Telefax 981 55 77 07
webmaster@codigocero.com

AETG - EGANET