A Galipedia chega ós 10.000 artigos
O 13 de novembro a Galipedia, a versión en
galego da Wikipedia, chegou aos 10.000
artigos grazas ao esforzo de ducias de voluntarios. O proxecto enmárcase nun
proxecto internacional que ten como propósito facer unha enciclopedia libre,
accesible, colaborativa e de balde en múltiples idiomas. O obxectivo é a plena
transmisión da sabedoría e o coñecemento sen restricións editoriais nin
comerciais. O desenvolvemento da Wikipedia está aberto a todo o que estea
interesado en contribuír, ben escribindo artigos novos, ou ben corrixindo e
ampliando os que xa existen. O sistema para editar na Galipedia é sinxelo, é un
wiki e os wikis permiten que calquera persoa poida editar as páxinas, o conxunto
de colaboradores revisa toda edición nova (existe unha páxina que informa de
todo o que sucede no wiki) garantindo así que calquera edición non apropiada,
inexacta ou vandálica desapareza nun curto espazo de tempo. As decisións sobre o
funcionamento da enciclopedia son froito do consenso, é a comunidade quen decide
en base aos principios fundadores do proxecto expresados polo fundador da
Wikipedia, Jimbo Wales. A Galipedia comezou o 8 de de abril de 2003, cando
se rexistrou o primeiro usuario, que procedía da wikipedia en interlingua
(lingua internacional que toma o seu vocabulario das linguas románicas) e os
primeiros artigos escribíronse o 12 de marzo de 2003. O segundo usuario
rexistrado, e o primeiro galego, foi Agremon que se rexistrou o 22 de xullo.
Como os pioneiros, Agremon tivo a intuición do potencial deste proxecto e aínda
que pasou case un ano practicamente só (había outros colaboradores, pero a súa
presenza era testemuñal), sempre tivo a certeza de que a wikipedia galega ía
sair adiante e foi el quen empregou pola primeira vez, o 17 de xaneiro de 2004,
o termo Galipedia. Pasado ese ano incorporáronse algúns dos editores do actual
núcleo de colaboradores, nese momento había xa 1.700 artigos (setembro de 2004)
que se triplicaron en só un ano. Probablemente a Galipedia sexa a Wikipedia que
en proporción aumentara máis nese período de tempo. Pero o máis importante
non son as estatísticas, senón que o proxecto está comezando a converterse nunha
realidade, que comeza a ser coñecido e valorado pola sociedade galego. Un
proxecto que na súa variante galega parte da idea de que o coñecemento
compartido libremente beneficia ao conxunto do país. A Galipedia pretende
cartografiar a xeografía física e emocional de Galicia, xunto cos contidos
propios dunha obra enciclopédica, un percorrido que está agora nos seus inicios,
unha viaxe longa pero que pouco a pouco está materializándose.
|