Decodificador.tk lanza campañas na Rede para que os afeccionados elixan se un disco se edita ou non
Se alguén nos dicía a mediados dos 80, cando mercabamos un vinilo, que aquel obxecto pasaría en breve a ser substituído por outro soporte de tipo dixital e que co tempo sería unha peza de museo, non dábamos crédito. O mesmo ocorrería se alguén nos dixera que a industria discográfica entraría nunha crise irreparable por culpa dese novo soporte. O sector da música nin sequera é o mesmo agora que a mediados dos 90. Internet cambiou para sempre a música. Os artistas tratan de adaptarse ó novo estado de cousas, agora que as casas discográficas parecen editar só o estritamente comercial. Músicos como Salva Dávila (na imaxe), do que falamos a continuación, que está recoller sinaturas para poder facer o que máis lle gusta: compoñer cancións e amosarchas. Segundo a web Decoficador.tk, este que vivimos é o momento do “novo pop-rock español”. Hai unha grea de músicos novos e con talento que, na súa meirande parte, desenvolven a súa actividade por Internet, a través de páxinas webs, dos seus foros, dos seus mails e dos seus contactos. “Son ese futuro que está emerxendo e que escribirán o devir musical do país. Son bandas e solistas que teñen pouco en común pero que, en conxunto, son o relevo do que virá”.
E que o que virá? Pois un panorama musical moi variado onde o consumidor, o oínte, terá voz e voto, participará máis activamente no que se edita e no que non. É dicir, ata o de agora eran os produtores, os locutores, os directivos de discográficas e os críticos os que decidían que saía ó mercado. Pero, coas novas tecnoloxías, o consumidor final tamén participa no proceso.
Un exemplo disto é o que está a ocorrer co músico Salva Dávila, do que se pode baixar unha maqueta de balde neste enderezo, co fin de que a súa arte sexa valorada polo público (se che gusta, asina, e xa hai 824 sinaturas). Segundo Decodificador.tk, “este novo ámbito de decisión fixo posible en boa medida o regreso de boa parte dos grupos dos oitenta, e agora queren facer valer a súa opinión para que a maqueta dun artista como Salva sexa escoitada e tida en conta por medios de comunicación e discográficas”.
|