A empresa galega Hacce sinala que o panorama web do noso país é deficitario en accesibilidade
A empresa galega Hacce aposta pola accesibilidade en Internet. Isto pode soar moi ben no papel pero cómpre aclarar, antes que nada, que significa o termo “accesiblidade”. Para empezar: non só se trata de liberar de obstáculos as beirarrúas e as entradas ós locais públicos, senón de moito máis. Aplicado a Internet, non estamos a falar unicamente de cambiar o tamaño de letra por outro que se vexa máis. A accesibilidade tecnolóxica é iso, pero tamén son outras moitas cousas. Por exemplo: quitar o “ruído” que poida entorpecer a comunicación entre un internauta e unha empresa ou institución pública. Facer que o diálogo sexa limpo. Suprimir o son dos coches, quitar do medio a axentes terceiros que se poñen entre o que fala e o que escoita, dispoñelos cara a cara. A meirande parte das webs galegas, segundo nos explicaron os representantes da firma Hacce na pasada edición de MITE, non cumpren con requisitos mínimos de accesiblidade. Vostede mesmo pode ter unha web moi vistosa e con moito luxo de detalles pero ó mellor corre o risco de estar metendo un altofalante a todo volume entre vostede e a persoa coa que quere falar. Pablo López, membro desta empresa, explicou que o cometido desta é algo así como abrir unha consulta e facer un exame médico da páxina web para detectar onde está o problema. E en Galicia, non se sabe moi ben por que, a inaccesiblidade é abondo acuciante, non así nos países máis avanzados no eido tecnolóxico (no noso país hai certa debilidade polo Flash, algo que non tería por que ser malo se non seu utilizase indiscriminadamente). O obxectivo de Hacce é, tamén, ofrecer consello e solucións de cara a remediar aqueles puntos críticos da nosa web nos que existen barreiras que provocan fallos de acceso á información por parte dos usuarios. Segundo Hacce, sería preciso poñerlle o cartel de “en construción” a gran parte das webs de institucións públicas que funcionan en Galicia co fin de conseguir que estas se adapten ós requisitos que se solicitan, fomentando unha mellor comunicación do coñecemento. A fin de contas, din, a Sociedade do Coñecemento trata, precisamente, de que a comunicación discorra sen atrancos, e non de metela nunha gaiola, dando voltas. Que unha empresa teña unha web pouco accesible significa algo así como falar cun cliente a través dunha porta pechada.
|