Código Cero - Diario Tecnolóxico
DIARIO DIXITAL

Novas Tecnolóxicas de Galicia con boletíns por correo electrónico e edición en papel nos quioscos galegos.

PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  CONTACTAR CON NÓS


Xoves, 2 de Setembro de 2010

               

Nova

Enrique Dans: “Os blogs son o reflexo electrónico da ágora grega. Unha expresión de democracia”
A Sociedade da Información está a piques de dar un novo paso, e nós, os usuarios, nin nos decatamos. A Web trae boas novas, e Enrique Dans, director da área de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Instituto de Empresa, non fixo máis que poñerlle voz. Esta é a mensaxe: o universo blog perténceche. Calquera pode ter hoxe en día unha bitácora electrónica, teña formación tecnolóxica ou non. “O que a simple vista pode parecer egolatría é, en realidade, un exercicio de diálogo”, dixo este profesor galego, natural da Coruña (vive en Madrid, onde leva moi mal, confesou, estar no mundo lonxe da súa terra). Ó seu xuízo, as vantaxes das bitácoras son múltiples: proporciónanche información, contactos e, se tes sorte, beneficio económico (como no caso do propio Dans, que conta cun dos blogs máis visitados de España). Na opinón de Dans, que estivo este venres na TechBusiness Week, os blogs son o reflexo electrónico da ágora grega. O círculo péchase. Os antigos gregos serían “blogueiros”.

-¿Cales son as ferramentas de comunicación do futuro?
-Podemos empezar polas ferramentas que non son as do futuro. Como por exemplo o correo electrónico. As que máis posibilidades teñen de perdurar son as mensaxes de texto instantáneas na Rede, as mensaxes de texto nos móbiles ou incluso as weblogs. De feito, se pensamos en países onde o nivel de penetración das novas tecnoloxías é alto, como por exemplo Corea, veremos que alí unicamente se utiliza o correo para enviar un e-mail a algunha persoa de idade, ou ben porque se necesita unha copia da misiva.
-¿Canto tempo leva vostede inmerso neste universo blog?
-Levo dende maio de 2003. Naquel momento xa había certa actividade no mundo das bitácoras. Agora estou a piques de entrar nunha nova fase no mundo blog.
-¿Cal é esta nova fase?
-Unha situación na que practicamente calquera usuario poida ter un blog. Para o lecer, para o traballo ou ben comunicarse. Cada internauta terá unha bitácora por unha razón distinta. Por exemplo, para a miña filla é una fonte de contactos. Para min, en cambio, é unha ferramenta de traballo e de enriquecemento.
-¿Cal é a chave para conseguir que o seu blog sexa un dos máis lidos do país?
-A chave, para min, é dar clases. Teño truco. Eu comento en clase que teño un blog e iso, queiras que non, axúdache. Téñoa en constante actualización, e non porque sexa un obseso, senón porque non me gusta chegar a clase e que me pregunten cousas que non sei responder. O blog obrígame a ler moitas novas ó día. Recibo comentarios de todo tipo, ademais. A cuestión é metelo no teu proceso produtivo. Para os xornalistas, por exemplo, isto pode significar escribir á marxe da liña editorial do medio no que traballa.
-O blog como ferramenta útil...
-Non creo no blog polo blog. A miña filla habilitou tres, e ten 11 anos. Atopou unha ferramenta moi útil na Cocteleira, que é un sistema centrado en facilitar a construción dunha bitácora web. En dúas patadas, estás escribindo. A miña muller lanzou a súa hai unhas tres semanas, sen dicirme nada, claro…. Eu descubrino sen que ela me puxera sobre o tema, e eu díxenme: ‘¡Que blog máis interesante para a miña muller, fala das cousas que lle gustan a ela!
-¿Cómo definiría vostede este fenómeno?
-Os blogs son o reflexo electrónico da ágora grega. Todo o mundo da cidade xuntábase na ágora, e era un sistema democrático perfecto. Os blogs son fundamentais na política. Permiten tomarlle o pulso á opinión. Os usuarios que ademais son votantes poden ter información de primeira man de a qué se dedica o seu político. No mundo blog hai de todo. Tamén hai depravados que van por aí con cámaras de foto sacando imaxes debaixo das mesas onde se sentan e colgándoas a continuación. Pero unha cousa está clara: non é unha moda pasaxeira. É unha tendencia forte, onde calquera persoa que non sexa propiamente de formación tecnolóxica pode estar en contacto cos tecnólogos. É unha proposta de valor de sentido común. Unha maneira de sacar as fotos do álbum.
-¿Algo así como ter unha web propia e persoal?
-Si, pero coa diferenza de que estas outras ferramentas son participativas. Trátase de crear relacións entre as persoas. Un blog pode parecer un exercicio de egolatría, a simple vista, pero en realidade é un exercicio de diálogo.
-¿Todas son de carácter público?
-Non, cada vez hai máis privados, familiares ou de empresa, nos que se esixe contrasinal. Isto ímolo ver cada vez máis no futuro. Eu obteño beneficio económico do meu blog, pero non cobro a ninguén por visitala. É unha plataforma que ademais de alimentarme de información, aliméntame a nivel monetario.
-¿Encaixan ben as pezas “empresa”, “weblog” e “información”?
-As bitácoras electrónicas son o pesadelo dos departamentos de comunicación das empresas. Estes dedícanse a manexar a información, para que saia unicamente o que eles cren interesante de saír. Un blog é, de por si, un elemento de comunicación ceibe, por iso consideran que se lles escapa das mans. Pensemos por exemplo na traballador de Google que foi despedido por falar nun blog que estaba máis a gusto no seu anterior posto en Microsoft. Ó final botárono, pero non o botaron por ‘blogueiro’ senón por gilipollas.
-¿A que se dedica exactamente o Instituto de Empresa no que vostede traballa?
-O Instituto de Empresa é unha formación privada que, dende o ano 1973, dedícase á formación de directivos, sendo un dos grupos líderes en Europa a nivel de empresa. É unha escola de negocios.
-¿En que medida se apoia o Instituto no uso das novas tecnoloxías?
-Estamos a facer cousas divertidas coas novas tecnoloxías da información, integrándoas dentro da ensinanza, familiarizándose os alumnos co formato e utilizándoo como canle de formación. Aquí, a tecnoloxía non é o obxectivo, é o medio. É o punto de vista.

Entrevista
Pablo López
Consultor e xerente de Hacce

Firma convidada
Moncho Paz
Moderador de Xanela Aberta en Código TV


















Caixa Galicia







PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  CONTACTAR CON NÓS

Grupo Código Cero Comunicación
UNINOVA- Recinto MercaGalicia
Polígono Industrial do Tambre - Vía La Cierva s/n
15890 Santiago de Compostela
Teléfono 981 51 96 00 Extensión 36 - 981 93 63 24
Telefax 981 55 77 07
webmaster@codigocero.com

AETG - EGANET