Demarisco.com, premio á mellor iniciativa empresarial innovadora da provincia de Pontevedra
Galicia comeza a destacar no que se refire a iniciativas innovadoras en Internet. E destaca, precisamente, no que lle toca máis de preto. Neste caso temos falar dun proxecto do sector vinculado ós recursos do mar. Trátase de Demarisco.com, un servizo que vén de gañar o accésit á mellor iniciativa empresarial no apartado innovación do Premio Xove Empresario que convocou a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE), colectivo que acaba de celebrar o seu décimo aniversario. A entrega de premios celebrouse no Pazo da Cultura de Pontevedra, tendo como membros do xurado á conselleira de Asuntos Sociais, Belén Prado; ó presidente da AJE, José Luis Vilanova e ó presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán. Demarisco.com é unha iniciativa empresarial que xurde en novembro de 2003 para vender marisco cocido por Internet ó consumidor final. Dende os viveiros situados no porto pesqueiro de Vigo distribúen marisco fresco da ría, concretamente das Rías Baixas. Unha das súas principais bazas é que tódolos pedidos se poden realizar dende Internet.
|