O mal gusto ensombrece o loito trala morte do Sumo Pontífice
O humor é moitas veces un escudo empregado
pola xente para enfrontarse a temas violentos como a morte ou as penurias do
mundo, pero hai que recoñecer que certos momentos como o falecemento dunha
persoa non deberían ser obxecto de burla, xa que se poden ferir moitas sensibilidades
coa única desculpa de poder facer rir a algúns. Así, o anuncio da morte de
Karol Wojtyla trouxo consigo que páxinas coma o weblog de The Final Countdown
que naceu para narrar os últimos días de Xoán Paulo II, aproveitando o
acontecemento para captar atención mediática e poder gañar así un concurso de
novas bitácoras, permitiuse o exceso de comparar a morte do Papa coa de
Francisco Franco, comparación que podería ofender a moitos católicos,
especialmente polo feito de tomar a broma o falecemento dunha persoa que
significou tanto para a Igrexa Católica e para o mundo occidental. Pero a cousa non queda aí, xa que noutras bitácoras, como a de A Vaca Profana
ligan a defunción do Santo Padre á do primate Copito de Nieve, aproveitando tal comparación para pór no punto de
mira a D.Manuel Fraga, actual presidente da Xunta de Galicia, ó que se lle
pediría literalmente que “descanse un
poquito (D.U.P.)”, o que é todo un alegato ó mal gusto, xa que non só se
fai un uso reprobable da morte dunha persoa, senón que se fai tamén burla de
alguén vivo, podendo levar a distintas interpretacións que entendemos que
principalmente desacreditan ó autor de tal suposto acto de humor gráfico pola
falta de tacto.
|