O Concello de Arteixo e R acordan levar a nova infraestructura de fibra óptica ó municipio
O alcalde de Arteixo,
Manuel Pose e o director xeral de R,
Arturo Dopico (na imaxe) asinaron hoxe o convenio de colaboración para a extensión da nova
infraestructura de fibra óptica ó concello. Así Arteixo entra a formar parte do
grupo de cidades e municipios galegos que xa gozan de conexión directa á rede
de telecomunicacións de última xeración que está a despregar o operador galego
en toda a comunidade autónoma. Na primeira fase do
despregamento da infraestructura en Arteixo, que se acometerá ó longo deste ano
2004, R prevé levar os servizos
integrados de teléfono, Internet de alta velocidade e televisión a case 5.000
fogares e locais empresariais situados na zona do núcleo urbano, entre as que
se atopan, entroutras, Avda. Finisterre, Travesía de Arteixo, Rúa Angel del
Castillo, rúa Historiador Vedía, Avenida de Balneario e Avenida de Caión,
ademáis da zona de Meicende, acometendo no concello uns investimentos
superiores ós tres millóns de euros. O obxectivo da empresa é comezar a
prestación de servizos antes de que finalice este ano, así como instalar
cabinas telefónicas en distintos puntos do municipio, abrindo por vez primeira
en Arteixo o servizo de telefonía pública á libre competencia. O alcalde de Arteixo,
Manuel Pose, explicou que “vimos de facer distintas contribucións á
modernización da nosa vila, e nesa liña queremos seguir traballando e, neste
caso, consideramos imprescindible para o axeitado desenvolvemento socioeconómico
e o crecemento empresarial de Arteixo a instalación da nova infraestructura de
telecomunicacións por fibra óptica”. Segundo o director xeral
de R, Arturo Dopico, “R está a facer un esforzo por
materializar o seu compromiso con Galicia e estender ó máximo número posible de
cidadáns a infraestructura de telecomunicacións máis avanzada a nivel mundial.
Por iso, para nós, é fundamental poder contar coa colaboración das
administracións locais, como é o caso do Concello de Arteixo, de xeito que poidamos
poñer a disposición de todos os novos servizos da sociedade da información”.
Neste sentido, o operador
galego continúa estendendo a súa rede ós contornos metropolitanos das
principais cidades galegas –nestas últimas, a cobertura dos núcleos urbanos xa
é practicamente plena-, así como nos municipios cun elevado dinamismo
económico, como é o caso de Cambre, Culleredo, Oleiros, Ames o Narón, na
provincia da Coruña, Vilagarcía de Arousa e Marín, na provincia de Pontevedra,
ou O Barco de Valdeorras en Ourense. Así mesmo, a rede de fibra óptica de R xa está a disposición dos 20
principais polígonos empresariais de Galicia.
|