Uns 1.500 estudiantes cataláns participan na redacción dun libro en Internet
En Cataluña se está dando estes días un paso a prol do desenvolvemento da expresión literaria en Internet e, en última instancia, do propio hábito da lectura. Esta iniciativa (20 capítols, 20 escriptors) na que participan xa máis de 1.500 estudiantes, baséase na redacción dunha novela colectiva: cada capítulo está escrito por un dos mozos que concorren. O froito do seu traballo (unha obra que se espera conclúa en abril) será publicado pola editorial Vicens Vives.
En realidade, a iniciativa non é nova (xa se deu en moitos tipos de foros de Internet, de moitas maneiras distintas) por moito que os seus responsables insistan no seu carácter pioneiro e vangardista, a diferencia estriba, basicamente, na laboura promotora e organizativa, así como no nivel dos mentores dos rapaces (os supervisores), autores como Jordi Sierra (na imaxe) ou María Barbal. Estes, xa encadraron o libro no xénero de “suspense inglés, dotado ademais dunha trama apaixonante”. Detrás desta iniciativa está a Institució Familiar d´Educació.

A posible creación dunha segunda canle da TVG, a debate en Vigo
A creación dunha segunda canle da Televisión de Galicia vén sendo reclamada dende hai tempo polo sector audiovisual do noso país e por certas institucións e colectivos. Neste escenario de posible crecemento das posibilidades da factoría de series e filmes galegos é onde se enmarca o Foro por unha 2ª canle da TVG que se celebra o xoves en Vigo, no Centro Social Caixanova a partires das 10h, segundo informa Vieiros no seu portal.
Alí, nesta xuntanza convocada pola Academia Galega do Audiovisual que preside Manolo Gómez (na foto), se darán cita profesionais do eido, representantes das empresas implicadas e de organizacións públicas e privadas e membros dos partidos políticos con representación no Parlamento.
Relembrar que a constitución dunha segunda canle, para os colectivos que se mostran a favor, non é máis ca unha consecuencia lóxica (como a que xa se levou a cabo en Cataluña ou Andalucía) dun sector que medra e que esixe novo mercado. Os que se sitúan en contra, pola súa parte, esgrimen que sería un novo gasto inadmisible para Galicia, habendo outras prioridades.

Wanadoo emprega un acelerador de navegación para os seus clientes de RTB
Wanadoo España lanzou unha nova tecnoloxía de aceleración da navegación a través da Internet que permite que os usuarios de conexións telefónicas multipliquen ata 5 veces a velocidade de navegación e a de envío e recepción de correo electrónico.
O novo sistema consiste nun programa que comprime as páxinas web e os correos para a súa transmisión ó usuario final, polo que consegue unha aceleración da navegación, que non da velocidade de conexión, que segue a ser de 56 Kbps, de xeito que consiste nun mellor aproveitamento dos recursos.

A SGAE declara que non quere impor un canon ós discos duros
María Jesús Raudona, responsable de recadación de copia privada da SGAE, declarou esta fin de semana que a partir do vindeiro verán gravarían con canon por copia privada os discos duros, pero agora a SGAE declara a Libertad Digital que tal medida nin sequera está completamente en estudio e non sería prioritaria. Segundo a entidade de xestión, as declaracións de Raudona foron esaxeradas polos medios e os internautas, que iniciaron unha serie de protestas en múltiples foros da Rede.
A SGAE menciona que a inclusión dun canon nos discos duros sería posible no futuro, pero que aínda non está na axenda, o que non é un desmentido total da nova anterior. De feito, están a estudiar qué número de discos duros en España poderían contar datos susceptibles de dereitos de autor, pois son conscientes de que a meirande parte só conteñen datos, especialmente para uso profesional.
Curiosamente, a polémica suscitada pola inclusión do canon nos discos compactos virxes parece producida polas asociacións de internautas segundo a SGAE, que di que a meirande parte destes soportes se emprega para audio, ignorando o número de discos que se emprega para datos.
A Asociación de Internautas, pola súa banda, está a pedir que o Ministerio de Cultura interveña á SGAE, por estar a funcionar dun xeito moi irregular. Tal petición xa se fixo no pasado, non polo cobro do canon, senón pola opacidade da Asociación, que non amosa claramente o que fai cos cartos que recada.