 Marcelo Branco Coordinador do Projecto Software Libre-RS
| Marcelo Branco: “Non queremos ser só consumidores de
tecnoloxía. Queremos facela. Queremos intercambiala.”
“O
software propietario crea dependencia”. Marcelo d’Elia Branco puído dicilo
doutro xeito, pero non máis claro nin máis alto. Primeiro na entrada do Palacio
de Congresos de Santiago con Código Cero, sentados arredor dun bloc de notas e
un par de xornais, e logo no salón principal de conferencias, ante os
asistentes á TechBusiness Week. Branco é dese tipo de persoas que un espera
atopar sempre en listaxes negras confeccionadas pola maquinaria mundial da
industria discográfica, acompañando a certo profesor da UPV que defendeu en
público as vantaxes das redes de intercambio de ficheiros. Nós, que logramos roubarlle
media hora do seu tempo en Galicia, non tivemos necesidade de pedirlle que, por
favor, non se cortara á hora de transmitir a súa mensaxe (graciñas, Marcelo). Ó
seu xuízo, o software libre leva consigo un aforro importantísimo para todos
aqueles países que queren acadar o desenvolvemento en materia tecnolóxica.
O modelo
de software propietario (advirte) está plenamente superado.
“Nós non
queremos ser unicamente consumidores de tecnoloxía”, engade.
-¿Sábese
canta xente no mundo actual aposta polo software libre?
-É difícil medilo. Pero calcúlase que uns
cincuenta millóns de persoas.
-¿O
software libre podería ser ese ingrediente máxico que reduza a distancia que
separe ós países máis desenvolvidos tecnoloxicamente dos menos favorecidos?
-O principal capital da sociedade que nos
tocou vivir é o coñecemento. Tratar de facerse un oco na Sociedade do
Coñecemento con software propietario é unha maneira moi boa de frear o
coñecemento. Este edificio sostense sobre unha falacia. O software pechado crea
dependencia. O software libre non, porque non inclúe custe de licenzas.
Ademais, favorece máis o intercambio de coñecemento e, a maiores, xera opcións
de negocio.
-Fálenos
de cifras ¿Que representa para Brasil o pago das licenzas?
-Uns 1.100 millóns de dólares. O dobre do
orzamento do Ministerio de Tecnoloxía. En 2003, os cartos que destinou o
Goberno de Brasil a paliar a fame representaron a metade do que se tivo que
pagar polas licenzas… Nós non queremos ser só consumidores de tecnoloxía.
Queremos ser desenvolvedores. Se unicamente mercásemos, sería como entrar nun
réxime de dependencia similar ó que provoca a droga.
-¿Que
representa Internet para as multinacionais da música?
-Internet foi feito para copiar e distribuír,
pero as grandes corporacións ven a Rede como unha ameaza e tratan de poñerlle
restricións. Prohibir o intercambio de música en Internet é unha práctica
fascista. ¿Acaso se pode restrinxir o intercambio de cultura? ¿Imos levar ó
cárcere a tódolos millóns de persoas que intercambian música na Rede? ¿Se lles
vai impedir o acceso á música?
-¿Hai
alternativas?
-Hainas. E moi satisfactorias. Pódese
establecer en Internet unha nova relación directa entre o facedor de música e o
consumidor. Sen intermediarios, o que reducirá o prezo dos produtos. A
distribución, que é unha cousa tan complexa, pódese resolver de xeito doado por
Internet. Os vellos modelos están acabados.
-¿Isto
podería ser a solución á piratería?
-Si, claro que si. O autor, ante todo, sempre
ten o máximo interese en que se coñeza a súa música, de que chegue a tódalas
partes do mundo… Hai camiños a seguir hoxe en día moi interesantes, como por
exemplo o que ofrecen as creative commons…
-¿Creative commons?
-Si, son un novo xiro dos dereitos de autor
tradicionais. Unha reescritura destes. Trátase dunha licenza legal con valor
xurídico cunha parte máis suave de dereitos reservados. O autor pode elixir
cales son os dereitos a cumprir. A súa música difúndese libremente por
terceiros, pero sen fins comerciais. A gran maioría das bandas que coñecemos
non viven nese modelo de música liberada. Pero hai artistas coñecidos que están
asumindo este novo credo, como Gilberto Gil, o ministro de Cultura do meu país,
ceibando a súa música a través das creative
commons, un modelo inspirado no software libre. Isto beneficia ó autor e
máis ó público…
-Pero prexudica
á industria.
-Prexudica á industria que vive ancorada no
pasado.
-Hai
uns días, practicamente tódolos medios de comunicación españois se fixeron eco
da noticia dun profesor da Universidade Politécnica de Valencia que
supostamente foi despedido do seu cargo por defender en público as vantaxes do
intercambio de música en Internet a través da redes P2P ¿Que opina vostede de
toda esta historia?
(Marcelo
Branco sabe dende o principio do que lle estamos a falar, malia a nosa crenza
de que, por vir do Brasil, non ía estar informado sobre a cuestión)
-Precisamente estiven falando con el hai unhas
horas. O que penso é que a decisión da UPV é prehistórica. Primeiro, a tese que
estaba a defender o profesor era correcta, moderna. Non falaba de nada
revolucionario nin ilegal. Segundo, suponse que vivimos nunha sociedade onde
existe a liberdade de expresión. A medida tomada contra el vai directamente
contra este dereito. Tratárono coma un criminal. Isto é típico de sistemas
autoritarios.
-¿Non
lle chama a atención que isto ocorrese nunha universidade?
-Un espazo que, polo menos en teoría, é para
reflexión e intercambio de coñecemento. Quero deixalo ben claro: non é un
delito que unha persoa intercambie música.
-¿De
que vai falar vostede na TechBusiness Week?
-De todo isto (di, acompañando as palabras cun sorriso).
-¿É
consciente de que o que vostede defende non lle gusta a moitas persoas?
-Eu estou aberto ó diálogo. Non condeno ás
persoas que defenden o software propietario. Sen embargo, a miña voz vaise
escoitar ben clara: este modelo está ben superado. O software libre é xa, hoxe
por hoxe, unha estratexia de negocio das grandes corporacións. Eu non quero
convencer a ninguén de que eu estou certo, unicamente falo dunha nova maneira
de crear negocio e industria para as empresas locais e nacionais, indo o cen
por cen do beneficio para elas, xa que non terían por que pagar licenzas nin royalties. Estou a falar dunha
oportunidade para ser máis competitivo.
|