eLaboro lanza unha aplicación que informa de ofertas e descontos en Compostela e contorna: Ganga!

mércores, 23 de xullo do 2014 Redacción

A veciñanza de Santiago e a súa contorna ten xa á súa disposición unha nova ferramenta tecnolóxica destinada a facer de fonte de consellos en materia de aforro de servizos e produtos. Falamos da aplicación Ganga!, cuxo obxectivo concreto e específico é facilitar ao pequeno comercio unha canle de comunicación permanente co seu cliente, quen recibirá no seu dispositivo móbil información puntual e actualizada das promocións e descontos que haxa cada día nas tendas da súa contorna. Polo de agora, xa se adheriron á plataforma piloto preto de douscentos establecementos e profesionais de diversos sectores emprazados nos concellos de Santiago, Negreira e Ames.
A aplicación vén da man da empresa santiaguesa eLaboro, e a previsión é que se integre de xeito progresivo (e masivo) en todos os concellos galegos, converténdose en “referencia para os buscadores de gangas”. A ferramenta, dispoñíbel para dispositivos Android, pode descargarse de balde en Google Play. “A través de Ganga!”, informa eLaboro, “os clientes do comercio local poden consultar os datos básicos do establecemento, os seus produtos destacados e as ofertas do día; deste xeito, os usuarios poden estar permanentemente informados a prol dunha mellor organización e maior aforro nas súas compras”.
Así, os clientes terán a opción de acceder con facilidade aos seus comercios favoritos e mesmo recibir avisos activos das promocións se así o desexan. Ademais, disporán da posibilidade de localizar de xeito áxil os establecementos máis próximos segundo o tipo de ben ou servizo que precisen e un mapa coa mellor ruta para chegar a eles.
Polo que atinxe aos comerciantes, dicirlles a todos aqueles que estean interesados en adherirse á plataforma que poden descargar xa en Google Play a versión da aplicación para o comercio, Ganga Pro!. Dende ese intre, o empresario unicamente precisa facilitar o CIF, a localización do establecemento e o seu enderezo electrónico. Durante esta primeira fase de lanzamento, a adhesión á ferramenta é de balde, sinalan os seus responsábeis.
Con Ganga Pro! o comerciante disporá dun escaparate virtual no que situar até tres produtos que desexe salientar e amosar. O escaparate pode actualizarse dende o smartphone cantas veces sexa preciso “de xeito áxil e sinxelo”. Informar tamén que a ferramenta inclúe o apartado Almacén, onde se gardan outros produtos ou servizos pendentes de ser publicados no escaparate. Para facilitar o traballo, á vez que se introducen os bens ou servizos na aplicación, tamén se poden compartir a través das redes sociais das que dispoña o establecemento (Facebook, Twitter,...).

PUBLICIDADE