A iniciativa eGalego, dedicada en boa medida a axudar á comunidade internauta do país no seu día a día, vén de informar da tradución á nosa lingua da máis recente versión do navegador Opera, a 9.61. A adaptación do que para moitas e moitos usuarios da Rede é arestora un dos mellores navegadores dispoñibles, que xa podemos descargar dende dúas canles diferentes dentro da web da devandita plataforma colectiva (esta e estoutra), complétase coas instrucións de instalación. A nova versión da ferramenta inclúe unha serie de novidades que cómpre ter en conta. Por exemplo: incorpora actualizacións de seguridade e un novo motor Opera Presto 2.1.1.
Sinalar ademais que o navegador conta cun xestor de descargas que permite supervisar todos os arquivos que baixemos pola Rede, amais de posibilitar sesións con pestanas e a salvagarda das diferentes visitas á Internet que fagamos. Por certo que tamén se deixa marxe para controlar o navegador a través da voz, gardar apuntamentos das webs ás que accedemos e un acceso directo a BitTorrent, a rede P2P de transferencia de arquivos.
Polo que respecta á comunidade eGalego, dicir que foi posta en marcha hai agora tres anos e co obxectivo de achegar traducións ao galego das aplicacións informáticas máis empregadas: compresores, navegadores, etc. Trátase dun colectivo privado sen arela de lucro, amais dun punto de encontro para informáticos/as e internautas galegos/as con interese por intercambiar coñecendo arredor dos computadores e as redes.
eGalego informa da tradución á nosa lingua da versión 9.61 do navegador Opera
Compartir Este Artigo

