Código Cero - Diario Tecnolóxico
DIARIO DIXITAL

Novas Tecnolóxicas de Galicia con boletíns por correo electrónico e edición en papel nos quioscos galegos.

PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  CONTACTAR CON NÓS


Xoves, 2 de Setembro de 2010

               

Firma convidada


Manuel José Fernández Iglesias
Director Xeral de Comunicación Audiovisual

Curtas na Rede: Unha iniciativa onde se mesturan a creación audiovisual e Internet

A Secretaria Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiviovisual, organiza xunto co Consello da Xuventude de Galicia o concurso Curtas na Rede. Esta iniciativa está aberta a todas aquelas persoas con inquedanzas no mundo da creación audiovisual. Para participar hai que realizar unha curtametraxe de xénero e técnica libre que non poderá exceder de 5 minutos baseado nunha das seguintes temáticas: Xuventude, Comunicación ou Lingua galega. Ademais dos organizadores, neste concurso colaboran a Consellería de Cultura e Deporte, a Compañía de Radiotelevisión de Galicia co programa Onda Curta, o Consorcio Audiovisual de Galicia e a empresa galega R

Este concurso ten como obxectivos servir de escaparate de mostra da creación audiovisual galega, promover o audiovisual galego non profesional, e fomentar o uso de Internet como espazo para a creación e para a comunicación. Cada autor ou autora poderá participar co número de obras que desexe, sempre en lingua galega, non superando en todo caso un traballo por temática. Pola outra banda, a curtametraxe debe ser inédita, polo que non pode ter participado en ningunha competición similar, incluíndo calquera festival, premio, procedemento de difusión ou acordo de distribución durante o tempo que dure o concurso. Tampouco se admiten obras que inciten ao racismo, á xenofobia, á violencia de xénero ou á homofobia, nin se poderá facer publicidade ou promover o uso de productos ou servizos comerciais.

Estabécense tres categorías de idade. A primeira está dirixida a xente nova, de 15 a 22 anos; a segunda ten como obxectivo as persoas de 23 a 50 anos, e na terceira poden participar todas as persoas maiores de 51 anos.

Entregaranse un total de once premios de 1.500 euros cada un deles. Nove destes premios distribuiranse entre as mellores curtametraxes de cada unha das categorías de idade sobre cada unha das tres temáticas do concurso. Haberá entón tres premios por categoría de idade, para a mellor curtametraxe sobre xuventude, para a mellor curtametraxe sobre comunicación, e para a mellor curtametraxe sobre lingua galega. Asemade, entregarase un premio á curtametraxe máis innovadora, patrocinado pola Consellería de Cultura e Deportes.

Estes premios decidiranse por un xurado composto por persoeiros de recoñecido prestixio no mundo da cultura e do audiovisual, así como por membros das entidades organizadoras e patrocinadoras do concurso.O fallo do xurado será inapelable, podéndose declarar deserto calquera destes premios.O premio que resta, o premio do público, entregarase á curtametraxe máis votada a través de Internet. Ademais, a CRTVG fará unha selección das curtametraxes premiadas para a súa emisión no programa Onda Curta.

Para a inscrición no concurso e para a votación das obras a través de Internet está dispoñible a páxina web www.curtasnarede.es. Nesa páxina, ademais dos formularios necesarios para se inscribir e para votar, poden descargarse as curtametraxes presentadas, consultar novas sobre o concurso, e consultar outras informacións que os autores poden poñer á disposición do seu público, como carteis, fichas de presentación das curtas, os making-off dos traballos, comentarios, historias, ...

A páxina contén tamén unha zona interactiva onde se pode xogar a varios xogos vencellados á idea de comunicación e poñer a proba as dotes audiovisuais, como dirixir un programa de TV, ou coñecer as tarefas dunha corporación multimedia.

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e do Día Mundial de Internet, o día 16 de maio a Secretaría Xeral de Comunicación vai instalar unha carpa onde, baixo o lema “Internet e Comunicación”, presentaranse exemplos da capacidade creativa dos galegos e galegas, cunha mostra das obras audiovisuais presentadas ao concurso “Curtas na Rede”. Esta carpa estará aberta durante todo o día 16 na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. Asemade, a carpa servirá de punto de contacto entre os creadores e o seu público, xa que calquera se pode achegar alí, ben a entregar a súa curtametraxe, ben a coñecer aos autores e a disfrutar das obras presentadas. Esta carpa é posible grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación coa empresa galega R, a Compañía de Radiotelevisión de Galicia, a demarcación en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación e o Concello de Santiago de Compostela.

A data límite para a presentación de traballos remata o vindeiro 30 de maio. Ademais de poderse entregar persoalmente na carpa do día 16, as curtas poden ser remitidas, ben persoalmente ou por correo certificado, ao Consorcio Audiovisual de Galicia (R/ Hórreo, 61-15702 Santiago de Compostela). A entrega farase nun DVD vídeo onde o título principal sexa a curtametraxe que se presenta a concurso, e nun CD con dous ficheiros da curtametraxe codificada para a súa distribución en Internet, segundo as instruccións dispoñibles na páxina Web, e unha ficha técnica que incluirá o nome e apelidos da persoa que dirixe a curtametraxe, o seu enderezo, e correo electrónico, un teléfono de contacto e unha breve sipnose.

¿A qué agardas para participar?



Outros convidados
Moncho Paz
Moderador de Xanela Aberta en Código TV
Moncho Paz
Moderador de Xanela Aberta en Código TV
Rede Compostela Wireless
unha ponte sobre a fenda tecnolóxica
Fernando Garrido
Membro do Observatorio para a CiberSociedade e Analista Social en ENTER
Modesto Pena
fala da Internet sen fios
Pilar Rojo Noguera
Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado
Javier Franco Tubío
Vicedecano Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia
Belén Prado Sanjurjo
Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relación Laborais
Manuel Balseiro
Director xeral de FEUGA


















Caixa Galicia







PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  CONTACTAR CON NÓS

Grupo Código Cero Comunicación
UNINOVA- Recinto MercaGalicia
Polígono Industrial do Tambre - Vía La Cierva s/n
15890 Santiago de Compostela
Teléfono 981 51 96 00 Extensión 36 - 981 93 63 24
Telefax 981 55 77 07
webmaster@codigocero.com

AETG - EGANET