Moncho Paz Moderador de Xanela Aberta en Código TV
Consumo e responsablidade
O pasado luns tiven a ocasión de moderar en Código TV un debate sobre consumo, ao que asistiron membros de distintos organismos que representan e protexen os dereitos dos consumidores –Administración autonómica, municipal e asociacións– e que ademais comparten algunhas funcións de especial interese neste terreo, como son as de formar e informar.
Tendo en conta que hoxe se celebra o Día Mundial do Consumidor, quixera a aproveitar este feito para reflexionar encol dalgunhas ideas que se puxeron de manifesto na devandita tertulia mediática; especialmente no que se refire aos nosos dereitos e deberes como consumidores e usuarios, así como á innegable importancia social e económica que temos como parte esencial do mercado.
Os expertos na materia coincidían en destacar que unha boa defensa dos nosos dereitos como consumidores pasa necesariamente por unha boa formación, que debe comezar dende as idades máis curtas. Os representantes dos consumidores e os organismos públicos xogan un papel determinante neste eido.
Entre moitas outras, chamoume especial atención a acertada campaña promovida polo Instituto Galego de Consumo sobre “Compra responsable”, destinada a previr o sobreendebedamento. Refírese a unha situación que se pode dar en determinadas ocasións cando unha persoa entra nunha dinámica de consumo compulsivo e á que pode contribuír o excesivo afán consumista que caracteriza á sociedade actual, precisamente denominada “de consumo”. Neste terreo hai que destacar a influencia que pode ter a publicidade como axente acelerador dos nosos hábitos de consumo, pero sobre todo hai que ter moi claro que a responsabilidade final é unicamente nosa.
Outro dos aspectos que foron obxecto de debate foi a importancia das follas de reclamacións como instrumento que a Administración pon a servizo dos cidadáns para plasmar calquera reclamación que precisen efectuar na defensa dos seus intereses en materia de consumo. Neste punto destacouse que moitas veces non se solicitan ante o que supón iniciar un procedemento administrativo, demasiado longo en ocasións; tamén apuntouse a obriga que teñen os propietarios do estabelecemento de proporcionalas, destacando que o feito de non facelo é xa de por si sancionable.
Unha idea con forte implantación na Unión Europea –en especial na cultura anglosaxona e sempre vencellada aos sistemas de xestión de calidade– é a das follas de reclamacións como instrumento de mellora do servizo que se presta ao cliente. Sen embargo, no conxunto do Estado español hai bastantes casos nos que aínda non se interpreta así por parte do que ten que facilitala; o cambio de mentalidade virá na medida que as Administracións e as asociacións de consumidores insistan a traveso de campañas e actividades formativas.
Finalmente, nun día tan sinalado para os consumidores non podemos deixar de lembrar os nosos dereitos, recoñecidos constitucionalmente e tamén polas Leis de Defensa dos Consumidores e Usuarios: dereito á saúde e á seguridade; á protección dos nosos lexítimos intereses económicos e sociais; dereito á información e á educación; de representación, consulta e participación; e protección –xurídica, administrativa e técnica– dos danos que se poidan sufrir.
Outros convidados
Moncho Paz Moderador de Xanela Aberta en Código TV