Código Cero - Diario Tecnolóxico
DIARIO DIXITAL

Novas Tecnolóxicas de Galicia con boletíns por correo electrónico e edición en papel nos quioscos galegos.

PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  CONTACTAR CON NÓS


Venres, 10 de Setembro de 2010

               

Firma convidada


Rede Compostela Wireless
unha ponte sobre a fenda tecnolóxica

A asociación CompostelaWireless leva funcionando dende 2001, na procura dunha rede telemática para ofertar servizos de comunicacións, empresariais, de formación, novas e lecer; na que se vexan representados tanto a empresa local como o conxunto das persoas. A finalidade de CW é espalla-las novas tecnoloxías poñéndoas ó servizo da sociedade. Entendemos que unha aplicación axeitada destas ferramentas, atendendo ó servizo á comunidade, é un factor fundamental para a potenciación do desenvolvemento social, cultural e económico dunha rexión.
O noso primeiro obxectivo consiste en poñer estas novas tecnoloxías ó alcance de todo o mundo, o que supón rematar coas barreiras económicas e de formación que na actualidade dan lugar á fenda tecnolóxica. Creamos equipos de traballo para respostar a necesidades ou oportunidades concretas: colaboracións con outras asociacións ou organismos, obradoiros e probas técnicas, estudos de interese xeral e recompilación e publicación de datos. Trátase, na práctica, de sumar esforzos para achegar á cidadanía a tecnoloxía de redes de xeito útil e accesíbel a tódolos niveis.
Importancia socioeconómica das infraestruturas de redes informáticas
As redes informáticas de telecomunicacións son o principal medio de transporte de información e a plataforma de acceso a unha oferta de servizos que adquire meirande complexidade. O concepto de “Sociedade da Información” resulta cada vez máis común, e o papel das redes dentro dela xoga o mesmo papel có da rede de estradas das cidades. Coexisten as estradas (para uso xeral) coas autoestradas (de uso contractual). As redes informáticas achegan un novo xeito de acceder a moitos dos servizos da sociedade, ó tempo que permite a creación de outros con novos perfís.
Novos xeitos de entender a xestión das estradas da información
As novas tecnoloxías de redes abranguen unhas características que constitúen a raíz do seu valor social: resultan flexibles, económicas, eficientes, e doadas de manexar. Isto fai delas o substrato para a evolución que estamos a vivir no eido das comunicacións: xa non é preciso ser rico nin ter grandes coñecementos para crear estas estruturas de comunicación e participar delas. Un exemplo deste modelo xa o temos nas novas formas en que as persoas empregan os servizos telemáticos, pasando da mera recepción de datos e servizos a xestionar blogs, P2P, wiki, listaxes de correo, etc... A liberdade e flexibilidade ofertada por estas redes permiten crear un eido onde o autoemprego, a innovación empresarial, o acceso á información, a autoxestión e a cooperación social e empresarial permiten dar un pulo á economía e ó espallamento da cultura, abrindo novas oportunidades para empresas e persoas.
A fenda tecnolóxica
Cinguido ó concepto de “Sociedade da Información” aparece outro que é a “fenda tecnolóxica”. Ou sexa, que namentres algunhas persoas dentro da sociedade poden acceder ás novas posibilidades das redes do coñecemento, outras moitas fican privadas das mesmas.
Raizames que alimentan a fenda tecnolóxica
As causas que propician a existencia desta fenda son, sobre todo, de tres tipos:
· Diferenzas nos intereses económicos: o actual modelo de xestión das redes de comunicacións, en mans de empresas e enfocadas só á súa explotación, fan que prime o interese especulativo por riba do social. Isto implica a promoción (só) dos servizos que benefician á empresa xestora, deixando a boa parte da cidadanía (a que menos beneficios reportaría ás empresas), sen acceso ós mesmos.
· Ausencia de acceso a formación de calidade: A alfabetización informática tende a orientarse ó uso de aplicacións, no canto de orientarse como debera ó uso de servizos, o que dificulta que as persoas sexan quen de sacar partido das novas tecnoloxías.
· Incompleta dispoñibilidade xeográfica: Como consecuencia da actual xestión especulativa das redes informáticas, estas chegan só até onde resultan rendibles para as empresas xestoras. Moitos grupos de poboación rural ou periférica fican á marxe.
Quen queda na beira mala da fenda?
A vítima ideal da fenda tecnolóxica tería un perfil caracterizado por unha economía medio-baixa, con escasa ou nula formación informática, sen experiencia neste senso, vivindo na periferia metropolitana ou nun núcleo de poboación rural. Se aplicamos este perfil á realidade demográfica da Galiza, podemos apreciar que gran parte da poboación reúne tódolos factores. No económico-empresarial a situación é moi similar: aquelas empresas, pequeno comercio, persoas en réxime autónomo... que dispoñan dunha economía discreta e que non poidan acceder ó asesoramento tecnolóxico ou contratar persoal con formación en novas tecnoloxías ou se atopen en localizacións xeográficas sen servizo, están condenadas a desenvolverse no mercado dende a desvantaxe da beira prexudicada da fenda. O resultado é: a fenda prexudica o crecemento económico e o fornecemento das economías locais máis febles, incrementa o paro e dificulta a innovación empresarial.
A Rede CompostelaWireless e a fenda tecnolóxica
Tódalas accións de CW están encamiñadas a dous obxectivos: facer que a tecnoloxía informática resulte útil, e que o sexa para todos e todas. Isto lévanos a accións dirixidas a combater a fenda tecnolóxica. A nosa achega fundamental para evita-los efectos da fenda dentro da bisbarra de Santiago consiste na creación dunha infraestrutura de comunicacións e servizos que permita salvar a distancia entre un e outro estremo da fenda. Unha ponte que elimine a discriminación tecnolóxica. Trátase de poñer a disposición do comercio e industrias locais, así como da cidadanía, unha rede autosostible, mantida a través de pequenas axudas das empresas e outras persoas usuarias de servizos especiais, co fin de acadar esta infraestrutura que vai constituír a rede viaria dunha nova Sociedade da Información para todos e todas. A apertura desta Rede CW ó público garante un mercado amplo e estábel, que non se ve prexudicado pola competencia das empresas alleas ó comercio local. Á súa vez, a cidadanía obtén acceso a unha rede na que pode participar ó mesmo tempo como colectivo usuario e persoal de xestión.
Empréstase especial atención á información, formación e orientación, de xeito que se facilita a entrada das persoas usuarias na rede, onde poderán “autoformarse”, dende o nivel máis básico ata o máis técnico. Enfocando os servizos a necesidades reais, escollendo a calidade e a simplicidade, en troques de afogar ás persoas nun océano de posibilidades que lles resultan alleas.
A cobertura inicial da rede abrangue toda a área de Compostela, ofertando solucións de balde, e tamén profesionais a moi baixo custe. Sen instalacións de liñas fixas, facéndoa viábel nas zonas periféricas. Non se trata dun xoguete, senón dun desenvolvemento socioeconómico de, e para a comunidade. Salva-la fenda poñendo a tecnoloxía ó servizo do público.
Outros beneficios da rede
Aparte dos beneficios da libre divulgación de coñecementos, promóvese tamén a cooperación entre a cidadanía, e habilítanse posibilidades de autoemprego, e novos modelos de negocio, amais dos tradicionais métodos de oferta de servizos ou publicidade. Fóra do empresarial, mantéñense na Rede ferramentas de busca de información achegadas á sociedade, xa sexa comercial ou cultural, servizos de mensaxeiría, comunicación, novas, e lecer. Vense beneficiadas así as comunicacións entre a veciñanza, amais das iniciativas socioculturais. As institucións e asociacións da cidade disporán dun novo medio de comunicarse coa cidadanía para divulgar as súas actividades, realizar traballo de xeito cooperativo, ou ofertar os seus propios servizos da Sociedade da Información.
As outras iniciativas de CompostelaWireless
A creación dunha estrutura de comunicación baseada no servizo ao público no canto de enfocada á súa explotación económica cobre unha das tres partes da fenda, pero ningunha solución é completa se non se albiscan tódalas partes do problema. Así, CW ten en marcha programas complementarios.
· Cursos e charlas
De continuo, xorden oportunidades para a asociación de tomar parte en debates ou obradoiros, nos que amosamos os beneficios da Rede CW. Estas iniciativas serven tamén para atraer a persoas que pasan de interesarse polo proxecto para pasar á colaboración activa. Toda colaboración neste senso é benvida. Persoas do mundo informático, persoal técnico, documentalistas, grafistas, analistas, contactos... Todos e todas colaboramos en maior ou menor medida.
· Reciclaxe de equipamento informático
Dende CW faise posíbel a reutilización de equipos informáticos obsoletos para os novos sistemas de software, recollendo o material de distintos doantes -empresas, institucións ou particulares-, preparándoos para poderen ser empregados como funcionais terminais da Rede CW a disposición dos usuarios. Cumpre deste xeito non só unha función de achegar medios de acceso á rede onde se precise, senón que fai unha colaboración coa conservación do medio ambiente.

Queremos dende esta revista, Código Cero, animarvos a apoia-lo proxecto de forma activa, para que a unión dos nosos esforzos dean como froito máis oportunidades. CW non é un proxecto alleo, pois se trata de ofertarnos a nós mesmos e gozar de novas posibilidades de negocio e comunicación.

Máis información en www.compostelawireless.net



Outros convidados
Moncho Paz
Moderador de Xanela Aberta en Código TV
Manuel José Fernández Iglesias
Director Xeral de Comunicación Audiovisual
Moncho Paz
Moderador de Xanela Aberta en Código TV
Fernando Garrido
Membro do Observatorio para a CiberSociedade e Analista Social en ENTER
Modesto Pena
fala da Internet sen fios
Pilar Rojo Noguera
Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado
Javier Franco Tubío
Vicedecano Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia
Belén Prado Sanjurjo
Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relación Laborais
Manuel Balseiro
Director xeral de FEUGA


















Caixa Galicia







PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  CONTACTAR CON NÓS

Grupo Código Cero Comunicación
UNINOVA- Recinto MercaGalicia
Polígono Industrial do Tambre - Vía La Cierva s/n
15890 Santiago de Compostela
Teléfono 981 51 96 00 Extensión 36 - 981 93 63 24
Telefax 981 55 77 07
webmaster@codigocero.com

AETG - EGANET