Javier Franco Tubío Vicedecano Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia
Sociedade da Información en Galicia: agora ou nunca
Preséntase nestas
datas á sociedade galega a nova revista das telecomunicacións e a Sociedade da
Información en Galicia: A Nosa Rede. O que se pretende con
ela é facer un punto de encontro para crear conciencia, para difundir, para
asentar sector.
Lendo algúns dos
artigos alí presentes chama a atención a reflexión, o interrogante recorrente,
desde distintos puntos de vista, sobre por que Galicia, con tradición na
electrónica, na fabricación de equipos, no desenvolvemento de redes de
comunicación… por que Galicia dicíamos non brilla con luz propia neste sector;
e o que é aínda máis preocupante, por que non ten conciencia para brillar.
Sen dúbida, todos
somos, dalgún xeito, responsables.
En primeiro lugar,
algúns dos principais profesionais “disto”, os enxeñeiros de telecomunicacións.
Ata o de agora non fomos quen de trasladar a importancia do “noso”, o
fundamental que é para o noso país apostar pola Sociedade da Información. Non
fomos quen de saír da nosa cova, chámese empresa ou institución, para facer
crible o “noso” na sociedade. Fai falta un cambio de talante. Dende o recentemente
nado Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación en Galicia, temos a
obriga de impulsar decididamente este cambio, de espertar o noso colectivo e
proxectalo cara a sociedade.
Tamén temos que
falar dos empresarios do noso país. Grandes empresarios, aquí e alén das nosas
fronteiras. Pero que, salvo contadas excepcións, non souberon, non quixeron ata
o de agora ver o interese e a rendibilidade das telecomunicacións; non desde a
especulación, senón desde o compromiso investidor a medio e longo prazo.
Necesitamos o apoio das entidades financeiras e de instrumentos de colaboración
para os novos emprendedores. Fai tamén falta aquí un cambio de talante.
E non podemos
esquecer o papel da Administración, en tódolos seus niveis. Por proximidade, temos que pedir ao Goberno galego
un fondo compromiso coa Sociedade da Información (SI, que tan só agora
comezamos a albiscar). Primeiro, facendo estratexia do que hai que construír
(anunciase por fin a Estratexia Galega da SI: a nosa benvida). Pero non abonda.
Tamén, creando unidades de alto nivel dedicadas “full time” a isto; incorporando profesionais das telecomunicacións
na dirección e liderado dos proxectos (¿Onde están os enxeñeiros de
telecomunicación propios da Xunta de Galicia? Botámolos en falta); fai falta
aire fresco nalgúns servizos. Son precisos máis responsables das novas
tecnoloxías, da administración electrónica, da informática. Tamén aquí fai falta
un cambio de talante; oxalá neste 2005 comecemos a velo.
Pero non só á
Administración Autonómica pedímoslle máis implicación e actividade. Un recente
informe pon de manifesto o escaso nivel das webs das capitais provinciais, como
reflexo da falta de interese municipal. Tampouco fan por cumprir e esixir a
normativa de infraestruturas de comunicacións nas vivendas, aínda sendo a súa
obriga legal; así e todo, lexíslase con profundo atrevemento, e descoñecemento,
sobre a telefonía móbil. Na meirande parte dos concellos, das deputacións,
tamén fai falta un cambio de talante.
Hai que pedir tamén
o compromiso dos medios de comunicación. Para mais alá do sensacionalismo fácil,
dos boom e das burbullas
tecnolóxicas, da “sensiblería” dos
temas de interese social tratados con escaso rigor profesional; para mais alá
dos seus propios intereses, lexítimos, nisto da radio e a televisión dixital,
pedirlles a súa implicación na construción deste sector en Galicia. Fai falla
un cambio de talante.
Os países mais
avanzados, incluídos algún do leste europeo, están xa a traballar. Algúns deles
con indicadores xa envexables para os que, desde aquí, vivimos preocupados polo
futuro de Galicia, porque sabemos da importancia social e económica do
desenvolvemento da Sociedade da Información.
Temos unha
oportunidade sen igual para coller este tren, un tren de alta velocidade de
especial interese para rexións como a nosa, afastada, polo menos xeograficamente,
dos centros de decisión; pero cun grande capital humano, con técnicos ben formados
e escolas e facultades de primeiro nivel, con empresarios activos... Son
chegados os tempos de dicir si ou non; de crer que debemos estar máis preto do
modelo de desenvolvemento irlandés que do alemán. Tarefa colectiva que necesita
de todos.
Fogar de Breogán:
esperta do teu sono. Sociedade da información: agora ou... demasiado tarde.
Outros convidados
Moncho Paz Moderador de Xanela Aberta en Código TV