 Belén Prado Sanjurjo Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relación Laborais
| O
compromiso do Goberno galego cos mozos emprendedores
A prestación de servizos á
cidadanía é o principio básico de actuación que xustifica a existencia da
Administración Pública.
Esta prestación de servizos
debe levarse a cabo dando resposta ás necesidades que o conxunto da sociedade
presenta en cada momento, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos
cidadáns.
A misión xenérica dos Poderes
Públicos de promover o desenvolvemento económico e social instrumentalízase a
través do deseño e da aplicación de medidas políticas en diversas materias,
entre as que están as políticas de emprego.
A actual realidade social do
emprego presenta características similares nos ámbitos internacional,
comunitario, estatal e autonómico, entre as que está a perda de competitividade
provocada pola falta de adaptación aos novos modelos de organización do
traballo e á utilización das novas tecnoloxías da información e as
comunicacións.
Neste contexto, o fomento do
espírito emprendedor, apoiando novas fórmulas para a creación da propia
iniciativa empresarial, sobre todo entre os máis novos, convértese nun
instrumento clave na creación de emprego, non só polas posibilidades de
progreso para o propio traballador, senon tamén como vía de acceso a novos
postos de traballo.
A importancia que a Xunta de
Galicia dá ao autoemprego non é algo novo, como demostra a existencia de
distintos programas a través dos que se dá apoio financeiro a diversos aspectos
necesarios para o inicio da actividade empresarial, entre os que destacan o
“Programa de Apoio ao Emprego Autónomo” ou o “Programa de Apoio a Iniciativa
Empresarial” e de “Emprego no Ámbito Rural”, co que se pretende, ademais do
impulso de novos nichos de emprego, favorecer o asentamento permanente de
poboación nos concellos galegos. Sen esquecer os interesantes resultados das
Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBTs), dirixidas aos emprendedores
universitarios que queiran converter en negocio as súas ideas innovadoras
baseadas na investigación ou nas novas tecnoloxías.
No ano 2003, 413 traballadores
beneficiáronse das axudas ao autoemprego, dos que 316 postos de traballo
creáronse dentro do “Programa de Iniciativas Locais de Emprego”, 35 no
“Programa de Iniciativas de Emprego Rural” e 62 foron os desempregados que
atoparon emprego estable a través da IEBTs.
No ano en curso, a Consellería
de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais porá en marcha un Plan de
Acción dirixido especificamente ao fomento do autoemprego dos nosos universitarios,
destinando a este fin 60 millóns de euros nos próximos dous anos.
A través das iniciativas antes
descritas, a Xunta de Galicia dá resposta ás recomendacións da Unión Eurpea,
que inclúen o fomento do espírito emprendedor entre os alicerces básicos da
Estratexia Europea de Emprego.
Neste marco, a Semana Galega
do Emprendedor, que a finais do mes de novembro de 2004 celebrará a súa cuarta
edición, consolídase como un foro de alto nivel froito da colaboración entre as
institucións académicas, as organizacións empresariais e a Administración, para
achegar a realidade empresarial aos mozos galegos que están a piques de
incorporarse ao mercado laboral, a través do estudio en profundidade dos
mecanismos de apoio aos novos emprendedores.
Como responsable da
Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais agardo que esta
nova edición da Semana Galega do Emprendedor sexa capaz de despertar entre os
máis novos a súa vocación emprendedora, necesaria para que a nosa Comunidade
siga avanzando na consolidación dunha sociedade próspera, competitiva e que
crea emprego.
|