Zeembo: unha nova plataforma galega para compartir vídeos e fotos
mércores 20 de agosto do 2008, por | |
| Compartir |
A empresa galega Simplifica, con sede en Ordes, vén de pór en marcha unha plataforma en liña para compartir imaxes e vídeos. O seu nome é Zeembo e, malia as súas relativamente poucas semanas de vida (o vídeo máis antigo é de maio deste mesmo ano), xa ten unha máis que considerable escolma de fotografías e pezas audiovisuais, algunhas delas inéditas e outras xa ben coñecidas pola comunidade internauta, como por exemplo esta dunha improvisada campaña publicitaria do Cola Cao. O servizo, que vén con dúas linguas a elixir (galego e castelán) pode ser empregado xa por calquera internauta, aínda que é preciso encher un formulario e inscribirse para achegar vídeos e imaxes á comunidade en liña.
É web é doada de usar e inclúe catro seccións principais: usuario (a través da que podemos darnos de alta e/ou acceder), vídeos e fotos (a través das que podemos ver as pezas máis recentes ou as máis votadas) e blog (unha sección na que basicamente se informa das novidades que se van incorporando á plataforma, de desenvolvemento sempre aberto).
Por certo que visitar a bitácora de Zeembo é un bo xeito de asistir á construción do servizo: engadido de xeoposicionamento e Google Maps, incorporación da ferramenta de procuras, habilitación dun apartado de información actual baseado en Twitter, etc. A idea da empresa responsable da plataforma (Simplifica) é manter un espazo común para compartir información onde todo o mundo estea en igualdade de condicións. Ou sexa, que non se busca un sistema de promoción, senón unha comunidade virtual onde cada usuario dispoña da súa propia portada cos seus envíos e os envíos dos seus contactos.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














