YouTube fai o seu habitual repaso do ano

mércores, 7 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Cando se aproxima o remate do ano é xa unha tradición que dende YouTube fagan un repaso dos últimos meses no que chaman YouTubeRewind, unha recompilación dos vídeos que marcaron tendencia durante o ano en función do seu tempo de visualización e outros factores como as cantidades de compartidos, comentarios e gústames, á vez que completan o repaso do ano cun vídeo en homenaxe que este ano conta coa participación de celebridades como The Rock, ElRubius, Casey Neistat, PewDiePie ou James Corden, ou sexa, figuras moi representativas do que se leva en YouTube, combinando estrelas tradicionais con youtubers.
Sobre os vídeos máis vistos do ano é salientable que os 10 vídeos destacados por YouTube acumulan máis de 550 millóns de visualizacións, máis de 25 millóns de horas de reprodución e máis de 40 millóns de subscritores nas súas respectivas canles. O vídeo de máis éxito sería a participación de Adele no Carpool Karaoke de James Corden (con preto de 136 millóns de reproducións), seguido polo absurdo Pen-Pinapple-Apple-Pen de PIKO-TARO, que podería considerase como o fenómeno viral que collería o relevo de PSY, pero cun éxito moito máis moderado (máis de 95 millóns de reproducións que quedan moi lonxe dos 2.703 millóns de reproducións do Gangnam Style).
Non faltan entre os vídeos máis vistos un de fútbol, unha actuación nun programa de talentos norteamericano, críticas humorísticas a Donald Trump ou un vídeo sobre o fenómeno do Bottle Flip.
A nivel musical tamén destacaron que Fifth Harmony conseguiu liderar o ano (con 1.182 millóns de reproducións dun dos seus vídeos), mentres que Rihanna bateu un record de audiencia nas primeiras 24 horas dende a estrea do seu vídeo musical en YouTube. Se miramos a música latina teriamos que La Bicicleta de Carlos Vives e Shakira estaría nunha primeira posición, seguido do Hasta el Amanecer de Nicky Jam.
A nivel de España dende YouTube detallan que o vídeo que marcou tendencia foi o de La Roja Baila (vídeo oficial da Selección Española), seguindo curiosamente dunha parodia de Los Morancos de La Bicicleta. Tamén conseguiu estar entre os vídeos de máis éxito o último anuncio da Lotaría de Nadal, o que é especialmente salientable dados os poucos días que leva publicado.

Vídeo co que YouTube promociona o seu repaso do ano 2016

PUBLICIDADE