Yoigo, a operadora móbil con menos reclamacións a nivel estatal

mércores, 20 de maio do 2015 Redacción

A Oficina de Atención ao Usuario de Telecomunicacións (Ministerio de Industria) publicou o seu informe relativo a 2014 (dispoñíbel en formato pdf) sobre as operadoras que desenvolven a súa actividade en España, un informe no que se confirma que de entre todas as compañías móbiles con presenza no mercado estatal, Yoigo é a que menos reclamación amoreou. Máis polo miúdo, 1,35 por cada 10.000 abonados. Ademais, Yoigo mellorou o servizo con respecto a 2013, cando o número de reclamacións foi minimamente maior.
Por outra banda e segundo reflicte a propia compañía a raíz do devandito estudo, a operadora resultou ser a que fornece o mellor servizo en todas as categorías nas que se artella o parámetro xenérico da telefonía móbil. Por exemplo, en acceso a Internet móbil foi obxecto de 0,094 reclamacións por cada 10.000 abonados, en paquetes de voz e datos móbil obtivo unha taxa de 0,06/10.000 abonados, e en servizos de atención ao cliente a taxa foi de 0,04.
Segundo fontes da compañía, a clave deste bo comportamento da mesma a nivel de atención ao usuario reside, precisamente, en situar “ao cliente como o factor máis importante para todos os seus departamentos”. Por iso, explican fontes da empresa, “creamos produtos sinxelos que se adapten ás necesidades dos usuarios, tentamos comunicalos ben, sen trampas, despregamos e mantemos unha rede de voz e datos que cumpra as expectativas dos usuarios, facturamos dunha maneira clara e sinxela e temos un servizo de atención ao cliente que tenta resolver con eficacia os problemas dos clientes”.

PUBLICIDADE