Xuventude Galicia Net insta aos seus participantes a emprender no sector tecnolóxico

sábado, 5 de maio do 2012 Marcus Fernández

O encontro informático Xuventude Galicia Net transcorreu na súa segunda xornada con grande éxito de participación nas súas actividades, o que xa se fixo notar co relatorio que abriu a mañá, co profesor e blogueiro Enrique Dans, quen fixo un repaso dos numerosos cambios que está a provocar a Rede nas nosas vidas, destacando as oportunidades que iso pode abrir á mocidade á hora de atopar novos nichos de traballo aos que aínda non se adaptou boa parte da sociedade. Tamén reflexionou no papel que están a xogar as empresas nesta nova conxuntura na que as TIC xa son unha realidade, como xa formulara no seu libro Todo va a cambiar, que actualmente conta dunha edición social, deixando claro que o mundo da edición tamén pode adaptarse aos novos tempos.
A charla de Dans provocou unha excelente reacción do público, que participou dun xeito moi activo con numerosas preguntas para chamar á reflexión de distintos temas tanto dos expostos no relatorio como dos que habitualmente comenta o profesor do IE Business School no seu blog.
A esta actividade seguiulle Javier Megías, asesor da Comisión Europea e consultor en estratexias innovadoras para empresas e startups, que animou ao emprendemento como saída laboral ante a situación económica mundial, enfoque ao que tamén contribuíron pola tarde Luis Alberto Fernández e Xavier Castaño, xerente e vicepresidente de AGASOL, que ilustraron sobre as oportunidades laborais que achega o desenvolvemento de software libre.
As charlas da tarde remataron con Rubén Bastón, de Elogia, quen compartiu os seus coñecementos sobre marketing dixital cos presentes.

Visita ás instalación

Ovidio Rodeiro e Mar Pereira, durante a súa visita

O director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, percorreron as instalacións do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, onde interactuaron cos participantes da intranet e visitaron os expositores da zona exterior do recinto, destacando a presenza de participantes do programa de Voluntariado Dixital, un programa conxunto dos dous departamentos posto en marcha meses atrás e que ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, e que tivo presenza neste encontro grazas á participación de 17 voluntarios dixitais.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, está a participar activamente no encontro Xuventude Galicia Net, difundindo as iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para achegar a tecnoloxía ao maior número posible de persoas e empresas e integrar as TIC en todos os ámbitos da sociedade

Programa da Radio Galega

Ovidio Rodeiro explicou ante os micrófonos da Radio Galega os cambios que experimentou Xuventude Galicia Net

Para celebrar este encontro da mocidade interesada nas TIC o programa Banda Ancha da Radio Galega emitiuse en directo dende as instalacións nas que ten lugar o Xuventude Galicia Net, contando coa intervención do profesor Enrique Dans nunha extensa entrevista e do directo xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, quen falou a reformulación do evento que madurou para ofrecer algo máis que lecer aos participantes.
Durante a emisión do programa tamén se informou dun sorteo patrocinado por Blusens nos que a audiencia poderá facerse con distintos produtos de electrónica de consumo cedidos pola compañía con sede en Compostela.
Podemos escoitar o programa completo a continuación:

O profesor Enrique Dans interviu no programa Banda Ancha da Radio Galega
Ovidio Rodeiro destacou a importancia do programa de Voluntariado Dixital durante a súa visita do sábado ao encontro Xuventude Galicia Net

PUBLICIDADE