Xornadas sobre o Esquema Nacional de Seguridade nas administracións públicas

venres, 8 de abril do 2011 Redacción

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica de Presidencia da Xunta de Galicia está a organizar unhas xornadas, que terán lugar nas vindeiras datas en distintas cidades galegas, para a difusión do Esquema Nacional de Seguridade (ENS) nas distintas administracións públicas de Galicia. O obxecto será analizar a problemática derivada da entrada en vigor do Real Decreto 3/2010 do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Esquema Nacional de Seguridade, de obrigado cumprimento por parte de todos os órganos da Administración así como por calquera entidade de dereito público dependente deles.
A finalidade do Esquema Nacional de Seguridade é establecer as políticas de seguridade e protección de datos na utilización de medios electrónicos por parte das administracións públicas e constitúe os principios mínimos que estas deben cumprir para garantir unha axeitada protección da información que xestionan, sobre todo coa posta en marcha da administración electrónica.
As xornadas permitirán tanto aos responsables políticos das diferentes administracións galegas (entre elas, á Administración da Comunidade Autónoma e ás entidades locais), así como das áreas técnicas, organizativas e xurídicas, familiarizarse coas novas normativas, exixencias de cumprimento e as formas de responder á súa correcta aplicación, a través de sesións de formación específica, relatorios e mesa redonda con posterior debate e conclusións.
As xornadas teñen carácter gratuíto, sendo o aforo limitado, polo que os seus responsables pregan a confirmación de asistencia, indicando nome, apelidos, cargo ou posto, administración á que se pertence e lugar e data da xornada á que se ten pensado asistir por correo electrónico ou chamando á Oficina e-Concellos no teléfono: 981 957595. O calendario das xornadas é o que segue:
- 12 de abril en Santiago de Compostela Salón de Actos da EGAP (Polígono das Fontiñas, Rua Madrid, 2-4) - 15 de abril en A Coruña Salón de Actos da Delegación Territorial da Xunta en A Coruña (Praza Luis Seoane, s/n)
- 25 de abril en Pontevedra Salón de Actos da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra (Rúa Fernández Ladreda, 43)
- 26 de abril en Lugo Salón de Actos da Delegación Territorial da Xunta en Lugo (Ronda da Muralla, 70)
- 28 de abril en Ourense Salón de Actos da Delegación Territorial da Xunta en Ourense (Avda. da Habana, 79)
- 3 de maio en Vigo Salón de Actos da Delegación Territorial da Xunta en Vigo (Rúa Concepción Arenal, 8)
O programa de cada actuación formativa queda do seguinte xeito:

10:00 Recepción de asistentes e entrega documentación

10:30 Inauguración da Xornada
· Delegado/a Territorial ou Representante da Xunta de Galicia
· Representante da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

10:50 Importancia da Seguridade na Información nas Administracións Públicas
· Representante do INTECO

11:20 Obrigacións legais do ENS
· Representante do Bufete Garrigues

11:50 Pausa-Café

12:30 Requirimentos técnicos do ENS
· Milenka MacDowall, Consultora de Start Up S.L.

13:00 Charla-Coloquio
· Moderador, Jose María López Bourio, Presidente de AGESTIC
Interveñen:
· Representante Xunta de Galicia/Deputación Provincial
· Representante Administración Local
· Empresa/s dedicada/s á Seguridade na Información
Rogos e Preguntas

13:45 Clausura da xornada
· Representante da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

PUBLICIDADE