Xorde unha versión web de Popcorn Time

mércores, 20 de maio do 2015 Marcus Fernández

O uso da tecnoloxía P2P de BitTorrent para acceder a contidos audiovisuais mediante streaming foi todo un acerto por parte da aplicación Popcorn Time, que alzouse así como unha plataforma de reprodución de series de televisión e películas contra a que a industria e os gobernos tiñan moi complicado actuar, e agora estes últimos non só teñen que temer a esta ferramenta de escritorio que tamén conta con versións móbiles, senón que o escenario complícase enormemente coa aparición de PopcornInYourBrowser.net, páxina web que facilita o acceso ao mencionado reprodutor multimedia baseado en P2P directamente dende o noso navegador web, polo que non precisaría da instalación de software no noso equipo, o que fai extremadamente doado o seu uso.

A aplicación web facilita o acceso a centos de filmes (en versión orixinal)

Este proxecto é froito da fusión de YTS (grupo que facilita a descarga de películas en alta definición en arquivos de tamaño bastante reducido) e Coinado (un servizo remoto de BitTorrent) o que fai que centos de películas estean dispoñibles de xeito anónimo vía web, o que é de agardar que se traduza na rápida desaparición ou bloqueo de PopcornInYourBrowser.net, aínda que unha vez desenvolvido o seu software tamén é previsible que xurdan réplicas por toda a web, o que faría imparable este novo xeito de distribución de contidos audiovisuais que volve por en xaque a un sector que ten moitas dificultades para prosperar no actual escenario dixital.

A nova páxina web permítenos reproducir películas compartidas a través de BitTorrent dende o navegador web (que tamén podemos ver a pantalla completa).

PUBLICIDADE