Xiaomi sitúase como o terceiro fabricante mundial de smartphones

martes, 28 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Cando falamos dos fabricantes líderes no sector dos smartphones parece doado indicar que Samsung é o principal fabricante de dispositivos con Android e Apple fai o propio co seu iOS, conseguindo así copar os primeiros postos a nivel mundial, pero o terceiro posto está moito máis rifado, e o último estudio de mercado de IHS iSuppli indica que no terceiro trimestre do ano Huawei perdeu tal posición, que pasou a ser ocupada pola emerxente Xiaomi, compañía con só 4 anos de vida, que actualmente está a espallarse internacionalmente.
Neste tempo Xiaomi conseguiu facerse coa sona de ser o Apple chinés, combinando no seu catálogo terminais de grande potencial e bo acadado con dispositivos cun prezo moi axustado, de xeito que pasou de vender 5,7 millóns de smartphones en todo 2012 a vender 19 millóns de smartphones no terceiro trimestre do ano. O seguinte fabricante sería Huawei, con 16,8 millóns de smartphones, aos que seguirían Lenovo (compañía que agora é propietaria de Motorola) e LG, que parecen estar nunha encarnizada loita por non quedar atrás nunha carreira na que resulta moi complicado facer podio, e no que novos corredores como Meizu poderían gañar postos nos vindeiros meses.

Xiaomi está a ter moi boas vendas a nivel mundial e a conseguir un valor de marca cada vez maior

PUBLICIDADE