Xeoinquedos organiza este venres un obradoiro sobre Cat2osm

mércores, 2 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Xeoinquedos, grupo galego creado para dar acollida aos seareiros das TIC e as súas aplicacións nas ciencias da Terra (como por exemplo a xeolocalización), organiza este venres 4 da maio, na Universidade de Vigo, un obradoiro sobre Cat2osm. Trátase dunha ferramenta desenvolvida por Ander Pijoan de DeustoTech Energy que permite entre outras cousas a relación entre a información cartográfica (descargábel do Catastro) e a creación -a partires desta- de arquivos .osm. Estes arquivos pódense subir, por certo, ao proxecto OpenStreetMap.
O obxectivo é introducir tódolos datos posíbeis dentro deste proxecto, informa o grupo. Polo que respecta ao obradoiro, organízase coa finalidade de achegar á cidadanía galega os procesos de importación da información mediante a devandita ferramenta e cubrindo toda a liña de traballo: dende a descarga dos datos até a obtención do arquivo .osm “co que comezar a trastear”. O evento formativo e divulgativo contará coa colaboración da Asociación de Oceanógrafos de Galicia. De feito, a actividade desenvolverase na aula de informática Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, dando comezo ás 16.00 horas e cun aforo limitado para 22 persoas.