XeoPesca convídanos a montar unha impresora 3D coas nosas propias mans

mércores, 14 de setembro do 2016 Redacción

XeoPesca, asociación galega de software libre (amais de solución informática para a comunidade pesqueira), vai organizar os días vindeiros un obradoiro maker sobre metodoloxías acaídas, dispoñíbeis e doadas de abordar para a montaxe unha impresora 3D. A cita deste hacklab será o domingo 25 de setembro ás 10.30 no Matadoiro de Santiago de Compostela, un espazo (a antiga Casa da Xuventude) recuperado polo Concello para a participación cidadá e as iniciativas sociais innovadoras. O obradoiro consistirá en construír unha impresora Delta, máis polo miúdo unha Kossel. Trátase dun aparello con licenza aberta (GPL) da cal podemos obter unha chea de información a través do seu repositorio.
O hacklab inclúe, entre outros, os seguintes contidos: introdución ao hardware libre, esquemas dos elementos que compoñen unha impresora 3D, fimware da impresora, electrónica da impresora e os seus axustes, como montar a súa estrutura ou que é un extrusor e como hai que axustalo?
Poderá participar na actividade calquera persoa que teña interese neste tipo de tecnoloxías e, máis en detalle, nas que veñen da man da comunidade libre de desenvolvedores e usuarios. O obradoiro será de balde, financiando a través do Plan de Acción de Software Libre 2016 da Xunta de Galicia. Cóntase para a súa realización coa colaboración do Recuncho-Maker e máis do propio Matadoiro de Santiago. Esta actividade forma parte das accións que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2016 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE