Xapón identifícase cos videoxogos para promocionar os seus Xogos Olímpicos

luns, 22 de agosto do 2016 Marcus Fernández

O Xogos Olímpicos de Rio de Janeiro despedíronse cunha cerimonia de clausura na que se pasou o relevo á cidade de Tokyo, que acollerá os Xogos en 2020, e para simbolizar este momento quixeron contar coa presenza do primeiro ministro xaponés, Shinzo Abe, quen acudiu ao Estadio de Maracaná cunha grande bola vermella representando ao Xapón (como aceno á súa bandeira) e que portou dun xeito moi orixinal, xa que nunha peza audiovisual narraron a viaxe de Abe ao Brasil a través dunha das tubaxes dos xogos de Super Mario Bros., aparecendo o propio primeiro ministro co sombreiro e a roupa do célebre fontaneiro de Nintendo, que parece ser a imaxe que empregará o país nipón para os seus futuros Xogos.
Na peza audiovisual proxectada na cerimonia tamén puidemos ver a outra figura dos videoxogos, Pac-Man, e outras iconas audiovisuais do Xapón (como as series de animación de Campeones e Doraemon), deixando claro que tanto o anime como os videoxogos son elementos centrais da cultura xaponesa.
Tamén podemos destacar o feito de que a figura de Mario está tradicionalmente asociada aos Xogos Olímpicos, xa que dende o ano 2007 conta coa serie Mario & Sonic en los Juegos Olímpicos, contando con licenza da Comité Olímpico Internacional, e publicando distintas entregas tanto ambientadas nos Xogos de verán como nos de inverno.

Peza audiovisual proxectada na clausura dos Xogos de Rio

PUBLICIDADE