Xa podemos acender a Xbox One coa voz

venres, 29 de agosto do 2014 Marcus Fernández

A Xbox One está a recibir unha nova actualización do seu software de sistema, e os cambios engadidos parecen bastante atractivos, como o feito de contar cunha nova aplicación de reprodución multimedia que permite reproducir vídeos dende dispositivos USB en máis formatos que a Xbox 360 (agardando que en breve incorpore tamén soporte para DLNA, facilitando o acceso a contidos almacenados nun media server, mentres que antes de rematar o ano tamén confirma que se ampliará considerablemente o número de formatos de vídeo que poderán reproducirse), melloras á hora de xuntarnos virtualmente cos amigos en fronte da consola e novas características para SmartGlass (entre as que destaca o feito de poder gravar vídeo dos xogos directamente dende a aplicación para smartphones e tablets).
A consola tamén conta agora coa opción de iniciar directamente no modo de visualización de televisión, incorpora un monitor de tráfico de datos empregado (pensando nos usuarios que teñen un límite de tráfico mensual), permite gardar as imaxes dos nosos avatares en OneDrive, facilita o borrado de varias gravacións de vídeo á vez e no caso español tamén engade a posibilidade de poder acender a consola mediante unha orde de voz (no caso de que contemos cunha Xbox One con Kinect).


Repaso da nova actualización da Xbox One

PUBLICIDADE