Xa hai máis dun cento de inscritos para a vindeira edición de Coruña Bloggers

luns, 28 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Os últimos mércores de cada mes celébrase Coruña Bloggers, un encontro de blogueiros no que comparten experiencias e coñecementos a través dun par de relatorios e unha sesión de networking, que como adiantamos a semana pasada vai mudar de sede, para pasar a celebrarse a partires desta semana na Fundación Barrié, en pleno Cantón Grande, mantendo o formato, pero podendo dar cabida a un maior número de público.
O encontro desta semana principiará o mércores ás 19:30 horas, estando xa dispoñibles as invitacións para poder asistir, lembrando que estamos ante unha actividade completamente de balde, aínda que prégase que os asistente acudan cun mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros que achegaranse á Cociña Económica.
Esta nova edición pretende rachar coas marcas de anteriores convocatorias, contando xa con máis dun cento de inscritos, o que sen dúbida facilitará que a potenciación da face altruísta do evento, que até o momento superou a media tonelada de alimentos recollidos.
A V edición de Coruña Bloggers será tamén a máis feminina, comezando con Arantxa Serantes, autora da bitácora A duermevela, falando sobre Os vasos comunicantes: cultura blogging & humanidades dixitais, a quen seguirá a programadora Jessica Gestoso, quen conta cun blog dende o que axuda a outras nais emprendedoras a superar retos tecnolóxicos, e que afondará en O poder dos auto-respondedores, ou sexa, que detallará as vantaxes de engadir un formulario de subscrición a un blog, planificar unha secuencia de varias mensaxes que se envíen de xeito automático para establecer unha relación de confianza e incluso poder incrementar as vendas.
Tras os relatorios haberá sorteos de agasallos e un tempo de lecer no que establecer relacións con profesionais e entusiastas do mundo dos blogs dentro do ámbito galego.

PUBLICIDADE