Windows 10 pon de actualidade unha vella extensión de Chrome

xoves, 30 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Unha extensión para o navegador Google Chrome desenvolvida polo alemán residente en Suecia Claus Conrad en 2012 e sen actualizar dende aquela púxose nas últimas horas de máxima actualidade, xa que Bing2Google redirixe as consultas no buscador Bing a Google se temos o Chrome como navegador predeterminado. E logo, que interese ten tal funcionalidade? Pois resulta que dende onte resulta moi práctica, xa que Windows 10 integra un asistente virtual chamado Cortana, que atende a consultas de texto e voz, e cando non pode atender a algo directamente lanza unha busca na web, empregando para iso ao buscador de Microsoft, que non resulta do agrado da meirande parte dos usuarios, polo que coa mencionada extensión é posible transformar as buscas de Bing en buscas de Google.
Para poder tirar proveito desta funcionalidade temos que ter instalado Google Chrome, marcalo como explorador web predeterminado (dende Configuración -> Sistema -> Aplicacións predeterminadas -> Explorador web) e logo instalar a extensión Bing2Google. A partires de aí se realizamos unha busca en Cortana dende o seu campo de busca ou botón correspondente (ou simplemente dicindo en voz alta “Ola, Cortana”) podemos realizar unha consulta na web dun xeito bastante cómodo, sempre que queiramos optar por continuar a empregar o navegador de Google (pois é de esperar que sexan moitos os que nestas datas prefiran darlle unha oportunidade ao Microsoft Edge, que está a demostrar un bo desempeño).

PUBLICIDADE