Wiffinity pon en contacto a comercios e clientes vía Wi-Fi
venres, 24 de abril do 2015
Estes días estase a
presentar con todo luxo de detalles o proxecto
Wiffinity, portal e aplicación dirixidos a conectar comercios e
clientes vía tecnoloxía de acceso Wi-Fi. A iniciativa vén da man
da empresa do mesmo nome, recoñecida recentemente como unha das
mellores 11 startups europeas no certame StartupBootCamp de
Amsterdam (seleccionadas de entre un total de 400). Alí
precisamente, en Holanda, estase a materializar o chimpo da empresa a
Europa, un salto que os responsábeis da iniciativa agardar consumar
ao longo dos vindeiros tres meses. Polo que se refire á traxectoria
trazada en España, xa contan con medio milleiro de locais afiliados
a Wiffinity en Madrid e no resto do ámbito estatal.
Wiffinity, lanzada por
catro emprendedores dende Madrid, ten a súa orixe nunha
constatación: a constatación dos problemas que teñen na
actualidade as empresas de venta ao detalle (en inglés retail)
para comunicárense e manter contacto e relacións con clientes
actuais e potenciais. Visto e comprobado isto, os responsábeis de
Wiffinity propuxeron unha solución orientada tanto ao comercio como
aos clientes, pondo a disposición de cada un unha ferramenta. Para
os comercios, un portal web (wiffinity.com)
e para os clientes unha
aplicación móbil para Android e iOS. Segundo nos contan, “o
que buscabamos foi achegar aos aos establecementos unha ferramenta de
mercadotecnia boa e sinxela de usar, que lles facilitase coñecer,
comunicarse e dar aos clientes un trato VIP e personalizado como se
merecen, ademais de poder enviarlles ofertas, mensaxes de benvida ou
enquisas, elixindo a mensaxe perfecta, no intre axeitado ao cliente
indicado”. Todo iso, engaden, “sempre no punto de venda e vía
Wi-Fi”.