Vulneran a seguridade dun dos xestores de contrasinais máis populares

luns, 15 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Unha correcta administración dos nosos contrasinais de acceso aos distintos servizos na Rede é unha esixencia cada día máis importante, polo que moitos usuarios optan por empregar servizos de facilitan este labor, facendo máis áxil a identificación ante distintas páxinas web e aplicacións, así como o emprego de contrasinais sumamente complexos xerados automaticamente, pero estas solucións non son inexpugnables, como veñen de testemuñar dende LastPass, plataforma que vén de dar conta dunha intrusión nos seus sistemas.
A investigación iniciada dentro de LastPass determinou que no incidente non se conseguiu vulnerar ningunha conta de usuario de LastPass, aínda que si se comprometeron datos como os enderezos de correo electrónico, os recordatorios de contrasinais e certa información cifrada, que está o suficientemente protexida como para que o roubo de datos non supoña unha ameaza inminente, pero non por iso non deixan de informar do sucedido e recomendar adoptar medidas de seguridade adicionais como pedindo o cambio do contrasinal mestre para evitar problemas maiores.
Dende LastPass tamén recomendan que, de empregar o mesmo contrasinal que en LastPass noutro servizo, sería recomendable mudalo nos mesmos, aínda que precisan que non será necesario mudar os contrasinais dos servizos rexistrados na nosa conta de LastPass, xa que tal información non foi afectada pola intrusión.
Estamos así ante un incidente de seguridade de pouca importancia, e ante o que a compañía reaccionou axeitadamente, e, aínda que poderiamos desconfiar da centralización da xestión dos nosos contrasinais, de empregar sistemas de autenticación en varios pasos poderiamos estar bastante seguros (de feito, o uso deste tipo de servizos tende a ser moito máis seguro que non empregalos).

PUBLICIDADE