Vodafone no Reino Unido presenta un dispositivo para mellorar a cobertura no móbil en interiores

mércores, 24 de xuño do 2009 Marcus Fernández

O mercado británico recibirá o 1 de xullo o Vodafone Access Gateway, un dispositivo que poderá adquirirse por 160 libras (188,23 euros) ou mediante fórmulas de pagamento aprazado (a partires de 5 libras ao mes) e que non é máis que unha estación base coñecida de xeito xenérico coma femtocell, que serviría para potenciar o sinal da telefonía móbil dentro do fogar, soportando ata 4 chamadas simultáneas con calquera móbil 3G, sendo preciso o rexistro dos terminais que poden aproveitar o dispositivo.
Vodafone xa está a probar esta tecnoloxía en España dende finais do ano pasado, aínda que só nun limitado grupo de clientes corporativos, mellorando a cobertura dos servizos de voz e de banda larga móbil no interior dos edificios. Aparte de conectalos á corrente eléctrica, os femtocells tamén deben facer uso dunha conexión de banda larga (ADSL).