Vodafone e IBM impulsarán un centro tecnolóxico-social en Ourense
martes, 26 de xullo do 2016
Seguimos dando conta do
compromiso recente de Vodafone coa nosa terra, logo de anunciar a
semana pasada a súa colaboración coa Xunta para crear no Gaiás
nunha iniciativa de apoio ás tecnoloxías universais e accesíbeis.
Segundo puidemos saber, a operadora de telecomunicacións tamén vai
colaborar estreitamente coa Deputación de Ourense para impulsar as
novas tecnoloxías sociais e accesíbeis dende a provincia e xerar
emprego de calidade. Farao en cooperación, tamén, coa multinacional
IBM. Segundo informou a entidade que preside Manuel Baltar, as dúas
compañías “impulsarán a creación dun centro tecnolóxico para a
innovación, co obxectivo de crear novas oportunidades de progreso
económico e social na provincia”. O
convenio de colaboración Provincia Intelixente asinouse o pasado
venres.
O acordo foi formalizado
polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o director
xeral de Vodafone España, Diego Torrico, e a directora de Tecnoloxía
e Innovación de IBM España, Elisa Martín. Baltar dixo na súa
intervención que a sinatura deste convenio entre a Deputación de
Ourense e dúas compañías punteiras da tecnoloxía mundial
“permitirá establecer estratexias no ámbito da innovación para o
desenvolvemento tecnolóxico da provincia de Ourense”. Segundo
engadiu e salientaron tamén os ditos directivos, esta alianza ten a
súa razón de ser “na innovación que a Deputación de Ourense
leva a cabo nas iniciativas de servizos cidadáns, ofrecendo á
veciñanza mellores e máis accesíbeis servizos con independencia do
lugar no que residan, sexa na capital, ou en calquera outro punto
xeográfico da provincia de Ourense”.
Nun plano máis concreto, o convenio Provincia
Intelixente ten como finalidade establecer novas vías de traballo
entre a Deputación de Ourense, Vodafone e IBM mediante “un uso
innovador das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións
(TIC)” para consolidar “un novo modelo produtivo que mellore a
actividade económica e a creación de emprego na provincia de
Ourense”. O desenvolvemento da iniciativa abranguerá sesións de
divulgación e formación para analizar os principais factores que
poden impulsar a “transformación dixital de Ourense”, explicou
Baltar, que lembrou que os concellos recibiran ao abeiro destes
traballos asesoramento e consultoría específica para levar a cabo
accións de innovación dixital nas súas respectivas áreas de
actuación.
O miolo do acordo é a futura creación dun Centro
Tecnolóxico en Ourense, para o cal encetarase un estudo de
viabilidade. Este centro tería como fin o desenvolvemento do Sistema
de Xestión e Operacións Municipais da Provincia de Ourense, ademais
de ser un núcleo integrador de actividades que desenvolvan
tecnoloxías de última xeración. Por exemplo recursos baseados na
Internet das Cousas e aplicacións móbiles cidadáns.
Segundo engadiron, o acordo de colaboración tamén
está aberto á participación de terceiras institucións e empresas,
así como a entidades estatais e internacionais que desexen
contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico da provincia.
O convenio asinado permitirá, en palabras de Manuel
Baltar, “pór a disposición da Administración Provincial e dos
concellos as últimas tecnoloxías da información e analizar o seu
posíbel impacto con dous focos principais: mellorar a eficiencia da
Administración e a relación cos cidadáns”. Tamén recordou que á
primeira vez que Vodafone, IBM e a Deputación de Ourense unen as
súas estratexias nun modelo de Provincia Intelixente.
Pola súa banda, Diego Torrico, director xeral de
Vodafone España, amosou a súa satisfacción por “formar parte
desta iniciativa para fomentar o desenvolvemento tecnolóxico de
Ourense, e converter a esta provincia nun referente en transformación
dixital". Con este acordo –engadiu- “queremos dotar a
provincia dos servizos máis innovadores con todas as posibilidades
que nos brindan as novas tecnoloxías”.
Finalmente, Elisa Martín Garijo, directora de
Tecnoloxía e Innovación de IBM España, dixo que o convenio asinado
“é unha iniciativa para crear oportunidades, porque a estes tres
socios de viaxe tecnolóxico únenos a palabra innovación”. E
engadiu: “As cousas acontecen onde están os recursos e iso atrae
ao talento; somos parte da provincia de Ourense e queremos seguir
apostando por ela, porque sabemos do seu espírito e talento
tecnolóxico, e aquí desexamos levar a cabo este espazo de
innovación en favor dos cidadáns e das empresas”.