Vodafone, a primeira operadora que conta co certificado de accesibilidade WCAG 2.0

venres, 18 de xullo do 2014 Redacción

A web de Vodafone España, vodafone.es, vén de obter un recoñecemento de man de Technosite, iniciativa especializada en tecnoloxías ceibes de atrancos da Fundación ONCE. Máis polo miúdo, foi distinguida co Certificado de Accesibilidade WCAG 2.0, acreditación que entre cousas pon de relevo o nivel de adaptación e a accesibilidade da web con respecto a todo tipo de colectivos, incluídos os de persoas con diversidades funcionais e diferentes características sensoriais e motrices.
“Este certificado recoñece o labor de adaptación que levou a cabo Vodafone para todos os seus clientes tanto particulares como autónomos e de empresas”, informa a operadora, que sinala que é a única compañía do sector en España que conta co dito selo outorgado por Technosite.
O principal obxectivo deste certificado, engade, é establecer uns criterios claros que permitan tanto o desenvolvemento de contidos accesíbeis como a avaliación da accesibilidade de contidos xa existentes, “e no caso de vodafone.es é aplicábel á web pública, as tendas online e a área privada de clientes”, explica.
O certificado en cuestión foi outorgado o pasado 5 de maio de 2014, pero as tarefas de adaptación da web foron desenvolvidas ao longo do ano fiscal 2013-2014 (1 de abril a 31 de marzo). Vodafone sinala que colaborou de forma estreita con Technosite para acadar unha web ceibe de atrancos tanto para o público universal, incluíndo persoas con diversidades funcionais ou sensoriais, tanto con axuda, como de forma independente.

PUBLICIDADE