Vodafone España lanza módem 4G con velocidades de até 150Mbps
venres, 29 de maio do 2015
Vodafone España vén
de lanzar un novo módem Wi-Fi para tecnoloxía 4G. En base a
isto, unha das súas principais características é que posibilita o
acceso a Internet coa banda larga ultrarrápida da operadora, opción
moi acaida para os usuarios que precisen conectarse en mobilidade (en
vistas das vindeiras vacacións de verán, un bo número deles). O
módem WiFi R216Z permite navegar “a máxima velocidade e desde
calquera lugar”, sinala a operadora, que salienta as súas
velocidades de até 150 Mbps en descarga e 50 Mbps en subida de datos
a Internet ou á Rede. O aparello, por certo, permite conectar até
10 dispositivos de xeito simultáneo, ao converter o sinal 4G en
Wi-Fi.
No que atinxe ás súas
características concretas, amosa un reducido tamaño de 64,5
milímetros de ancho e 104 milímetros de alto, cun peso de 106
gramos. Dispón de batería con até 10 horas de autonomía, fenda
para inserir cartóns MicroSD de até 32GB (non incluído) e é
compatíbel con Windows (XP, Vista, 7) e Mac. O prezo é de 39 euros
(sen compromiso de permanencia) ou de balde con compromiso dun ano
coa tarifa Internet Móbil de 3,2 GB ou superiores.
Tecnoloxía 4G de Vodafone
O devandito aparello está feito para tirarlle partido á tecnoloxía 4G. Segundo fai saber a operadora reflectindo estudos de The State of LTE e Opensignal, esta conta arestora “coa rede 4G máis rápida do mundo”. A cobertura de Vodafone, no que se refire ao ámbito estatal, chega a día de hoxe a preto do 80% da poboación, conta con 7.200 nodos e está presente en preto de 1.300 concellos. Ademais, fornécese en todas as poboacións de 50.000 habitantes e poboacións costeiras (incluídas todas as capitais de provincia, Ceuta e Melilla) e no 95% das localidades de entre 25.000 e 50.000 habitantes.