Visa e Mastercard alíanse con Android Pay

luns, 24 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Os sistemas de pagamento mediante o móbil continúan a querer facerse un oco nas nosas vidas, e para iso precisan estar dispoñibles no meirande número de plataformas posibles, de xeito que poidan ser de utilidade tanto ao mercar en establecementos físicos como en tendas dixitais, e nesta última liña temos que Google vén de pechar un acordo estratéxico con Visa e Mastercard para levar Android Pay a máis lugares da web móbil.
Deste xeito, os usuarios de Android Pay (tecnoloxía da que aínda non coñecemos datas de chegada a España) poderán pagar en centos de milleiros de páxinas web que acepten pagamentos mediante Visa Checkout ou Masterpass, empregando o seu sistema de autentificación preferido (como a pegada dixital) axilizando e facendo máis doada a realización de pagamentos a través da Internet.
Esta nova posibilidade estará dispoñible para usuarios que liguen a súa conta de Visa Checkout ou Masterpass a Android Pay, facilitándolles os pagamentos en tendas e na web cun simple toque, o que tamén resulta moi interesante para os establecementos que aceptan os sistemas de pagamento mencionados, xa que non terán que facer nada para poder gozar da nova posibilidade de pagamento, beneficiándose directamente duns tempos máis reducidos no proceso de peche de compra (o que pode traducirse en menos carros da compra abandonados e unhas maiores vendas).
Espérase que a integración entre Visa Checkout e Masterpass estea completa a primeiros de 2017.

PUBLICIDADE