Vimianzo salienta a alta implicación da cidadanía coa app Liña Verde

mércores, 27 de xullo do 2016

O Concello de Vimianzo vén de facer reconto da actividade xerada a través do servizo Liña Verde, un recurso para a veciñanza que leva operativo no concello coruñés dende mediados de 2014, afianzando a través dos móbiles a comunicación e a participación dos cidadáns en relación ao mantemento e coidado dos equipamentos e infraestruturas do termo municipal. Segundo informa o Concello, a ferramenta foi moi ben acollida dende os comezos da súa implantación, e proba diso é o “uso continuo que se fai da mesma”. O tipo de incidencias que máis se comunicaron son aquelas que fan referencia a Beirarrúas e Calzadas, seguido de Iluminación, Vía Pública e Puntos de Auga. Até a data, o 96% das incidencias foron solucionadas.
O servizo materialízase a través da comunicación establecida nos dispositivos intelixentes e tabletas entre Concello e veciñanza. Segundo explicou o Goberno local, para tirarlle partido abonda con descargar a aplicación Liña Verde dende a Play Store ou a App Store. A partir de aí, é posíbel xa comunicar incidencias seleccionando a categoría da información que queremos achegar e activando a función de xeolocalización para que o dispositivo se encargue de detectar de maneira automática as coordenadas exactas do lugar do que queiramos dar conta. Isto pódese acompañar dunha foto da incidencia cunha breve descrición. “Cando se recibe o parte”, sinala o Concello, “inícianse os trámites para solucionar a incidencia detectada”. O Goberno local tamén salienta o feito de que o cidadán poida coñecer en todo intre o estado no que se atopa a comunicación “grazas ás notificacións que recibe no seu dispositivo”.
O Concello de Vimianzo, a raíz dos devanditos datos de participación e resolución, amosou a súa satisfacción polos resultados obtidos até a data e agradeceu “a importante participación cidadá que demostra a implicación e interese dos cidadáns polo seu municipio”.

PUBLICIDADE