Vilalba énchese de códigos QR para conmemorar o legado de Manuel María

martes, 14 de xuño do 2016 Redacción

Vilalba vai contar ao longo do que resta do ano cunha manchea de códigos QR escaneábeis con ligazóns aos contidos dixitais de traballos desenvolvidos polo alumnado dos centros educativos do concello e do Centro Ocupacional Vilalba – Terra Chá. Os traballos, unha trintena, foron creados para conmemorar a figura do poeta Manuel María, escritor chairego (precisamente) recoñecido este ano no Día das Letras Galegas. O material dispoñíbel (e accesíbel a través dos nosos dispositivos) pódese ver na súa integridade no Google Maps. A raizame da iniciativa está nas actividades de homenaxe a Manuel María impulsadas dende en Concello en colaboración coas entidades e asociacións locais.

A presentación da iniciativa tecnolóxico-cultural nunha imaxe do xornal dixital Terra Chá. Xa

Entre os contidos aos que podemos ter acceso atópanse, entre outros, unha representación teatral a cargo do CEIP Monseivane, un concerto de Mini e Mero ou unha colección de fotografías dos alumnos e alumnas do CEIP Mato Vizoso coas pancartas elaboradas para celebrar a Manuel María e, por extensión, as nosas Letras. Para evitarnos ter que acudir a todos os recantos da vila onde esta dispoñíbel un código QR, habilitouse como dixemos unha sección específica no Google Maps, onde podemos dar conta do recurso acubillado en cada emprazamento a través da pantalla do computador ou doutro dispositivo móbil. Os impulsores da iniciativa valoraron moi positivamente as vantaxes das tecnoloxías postas en xogo, xa que permiten extraer e amosar ante toda a veciñanza as actividades levadas a cabo nos centro de ensino.

PUBLICIDADE