Unha vaga de ataques afecta a numerosos servizos en liña durante horas

venres, 21 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Dende Level 3 rexistraron os ataques de hoxe principalmente nos EE.UU.

Durante a xornada de hoxe, durante máis de catro horas e media, os sistema de servidores de nomes de Internet (DNS) administrados por Dyn padeceron un ataque de DDoS que afectou principalmente á infraestrutura da compañía no leste dos EE.UU., rexistrándose durante todo ese tempo momentos nos que conseguiran paliar a situación até que se tiveron que enfrontar a novos ataques que non conseguiron superarse até a noite, e que tiveron como consecuencia incidencias en numerosos servizos que estaban inaccesibles ou presentando funcionamentos anómalos, entre os que estaban Twitter, Etsy, Github, Spotify, Shopify, PayPal, Netflix e incluso a PlayStation Network, sendo este último caso bastante frustrante para os xogadores porque durante a xornada de hoxe lanzouse o xogo Battlefield 1 e iniciou a segunda fase de probas de Call of Duty: Infinite Warfare, de xeito que moitos xogadores viron frustradas as súas intencións de probar estes novos títulos bélicos.
Para boa parte do público, o máis visible do ataque de hoxe foron os problemas de funcionamento de Twitter, e tamén a WhatsApp, servizo no que algúns usuarios tiñan problemas para intercambiar ficheiros multimedia, pero o máis curioso deste incidente é a súa orixe, xa que está a culparse principalmente a unha rede de bots chamada Mirai que estaría composta por millóns de trebellos da Internet das Cousas que padecen vulnerabilidades que permiten que se tome o control dos mesmos para lanzar ataques masivos contra obxectivos que fixa quen xestiona esta rede de dispositivos zombi.
Curiosamente os fallos de seguridade que teñen estes dispositivos conectados non sempre se trata de defectos do seu software, senón de detalles tan simples como vir configurados cun nome de usuario e un contrasinal predeterminado (por exemplo, un usuario admin con contrasinal 1111). Os dispositivos controlados a distancia de xeito masivo serían dende cámaras de vixilancia até dispositivos conectados para o control do fogar, que poderían sumar preto de medio millón de dispositivos afectados en todo o mundo.
Os expertos de seguridade aseguran que, aínda que na meirande parte dos casos a infección por Mirai pode limparse con reiniciar os trebellos, en poucos minutos os dispositivos poderán infectarse novamente, de xeito que para evitar iso habería que procurar actualizar o software de sistema dos trebellos vulnerables e configurar nos mesmos contrasinais fortes.
Ante as tres grandes vagas de ataques consecutivos parecidos hoxe o Departamento de Seguridade Nacional dos EE.UU. (DHS) xa está a investigar o acontecido, como tamén fai o FBI, polo que é probable que durante os vindeiros días saibamos máis sobre os obxectivos deste ataque masivo e quen está detrás do mesmo.

PUBLICIDADE