Unha liña de axudas fomentará a formación tecnolóxica de cara á Industria 4.0

xoves, 28 de xullo do 2016 Redacción

Nun encontro técnico sobre as bases de axudas que se activarán en breve para formar a traballadores e mandos intermedios das PEME e avanzar, deste xeito, na implantación en Galicia da chamada fábrica intelixente, o director do IGAPE, Javier Aguilera, salientou a importancia da formación tecnolóxica específica como elemento clave para a mellora da competitividade empresarial a través das tecnoloxías 4.0.
Aguilera subliñou que a través das Bases de Formación en Industria 4.0 achegarase apoio específico a organismos intermedios como clusters ou centros tecnolóxicos que establezan programas formativos para traballadores en ámbitos como a robótica, o tratamento masivo de datos (Big Data), os vehículos autónomos, a Internet das Cousas, a ciberseguridade ou a Loxística 4.0. Ademais, o programa incluirá apoio a accións para mandos intermedios das empresas galegas, co obxectivo de que se formen en eidos como os novos procesos de organización industrial nacidos da implantación da Industria 4.0.
A iniciativa busca favorecer o impulso da fábrica intelixente e a empresa conectada en Galicia e, polo tanto, a consolidación do novo modelo económico, a chamada Industria 4.0. A Xunta investirá 700.000 euros, cofinanciados co Fondo Social Europeo, para o desenvolvemento deste programa de formación específica dirixido a organismos intermedios que organicen plans formativos nos que participen persoas vinculadas coas PEME.
O programa regula a concesión de axudas que cubrirán o 50% do custo das accións formativas. En cada iniciativa, deberá participar un mínimo de 5 traballadores de PEME con centro de traballo ou sede social en Galicia, ademais de contar cunha duración presencial mínima de 30 horas para cada participante. As accións formativas poderán levarse a cabo ata o 30 de xuño de 2017.
A concesión das axudas resolverase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta o tipo de proxecto, número de traballadores participantes, experiencia previa dos formadores ou a inclusión da actividade formativa nun plan estratéxico.

PUBLICIDADE