Unha investigadora do CSIC impulsa dende Santiago un método para crear software á medida dos arqueólogos

luns, 24 de outubro do 2016 Redacción

O Dolmen do Forno dos Mouros en Toques, nunha imaxe de Abeancos.gal

Un novo método para crear aplicacións software que sirvan de axuda aos investigadores na análise de información arqueolóxica vén de xurdir dende as dependencias do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Santiago ao abeiro dunha tese doutoral realizada no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) pola enxeñeira en Informática Patricia Martín-Rodilla, unha achega que suporá unha mellora nos sistemas de visualización dos datos existentes e unha guía no proceso de razoamento e estudo dos achados arqueolóxicos.
A autora, Patricia Martín, defendeu a súa tese, Xeración de coñecemento asistido mediante software en patrimonio cultural: un marco conceptual, na Universidade Politécnica de Valencia, obtendo a cualificación de Sobresaínte Cum Laude. Estivo dirixida por César González Pérez (científico titular do CSIC no INCIPIT, con sede en Compostela) e por Óscar Pastor López (director do Centro de Investigación en Métodos de Produción de Software e catedrático no Departamento de Sistemas Informáticos e Computación da UPV).
Indo á tese, nela levouse a cabo un estudo sobre a relación entre software e patrimonio cultural para coñecer que tipo de software se emprega por parte das organizacións e que características reúne. Segundo explica a autora do traballo, as ferramentas que se empregan son xeralmente software comercial (por exemplo, sistemas de información xeográfica) ou centrado na captación de datos ou diseminación de resultados patrimoniais (por exemplo, sistemas de rexistro ou publicación). “Constatamos que había un baleiro de software dirixido á comunidade investigadora en patrimonio que lle permitise analizar, mediante visualizacións software adaptadas, datos procedentes do seu labor con facilidade, e lle asistise en todo o proceso de razoamento en base a eles”, explica a investigadora, engadindo que este tipo de metodoloxías “deron bos resultados noutros dominios”, como en bioinformática, “pero existía unha falta de enfoque e adaptación das súas particularidades para datos patrimoniais, que foi abranguida por este traballo”.
Asemade, a tese centrouse en concibir e deseñar un marco conceptual para construír aplicacións software dirixidas a resolver esa necesidade. O resultado foi a creación dunha metodoloxía completa, ilustrada mediante unha aplicación software, denominada SAKG, introducida xa en tabletas e que se puxo a punto tomando como referencia datos procedentes de traballos arqueolóxicos realizados en dous xacementos nos que o INCIPIT interveu no seu estudo: o da Romea (Lalín, Pontevedra) e o de Forno dous Mouros (Toques, A Coruña).
Segundo engade a autora, os ditos traballos serviron entre outras cousas para constatar que “a metodoloxía é útil e viábel”, posibilitando cousas como que o usuario analice os datos con máis facilidade que usando software tradicional, como follas de cálculo. Ademais, engade, os resultados en termos de precisión e produtividade na análise de datos “melloran coa nosa metodoloxía, así como o nivel de satisfacción dos investigadores en patrimonio”.
Segundo lembra, este estudo tamén permitiu coñecer como os investigadores analizan datos e constrúen coñecemento no ámbito do patrimonio cultural, “polo que se abren agora novas liñas de traballo para nós”. Entre estas liñas figura incluír asistencia software mediante minería de datos e textos en Humanidades e Ciencias Sociais, así como desenvolver melloras visuais para os datos patrimoniais.

PUBLICIDADE