Unha aplicación para achegarmos pagos aos músicos das rúa imponse no Hackaton de Snap

martes, 27 de xaneiro do 2015 Fernando Sarasketa

Esta fin de semana celebrouse o Hackaton de Snap en Madrid, un encontro organizado por Popular Payments no que se trataba de elixir a aplicación máis salientábel de cantas se argallaron integrando a plataforma de pagos Snap. Os gañadores, finalmente, foron os responsábeis dunha aplicación para artistas da rúa que integrou a devandita tecnoloxía para permitirnos aos viandantes formalizar pagos aos creadores urbanos que máis nos gusten e empregando o noso dispositivo móbil “no canto de con diñeiro físico”.
Mediante esta ferramenta, o artista disporá dunha etiqueta NFC ou dun código QR que facilitará aos cidadáns a información precisa para levar a cabo a contribución económica en liña. O enxeño foi deseñado no transcurso do hackathon, que reuniu a unha trintena de desenvolvedores.
Durante máis de 12 horas os equipos participantes crearon aplicacións móbiles e web acubillando Snap para procesar pagos a través de Internet. O equipo gañador, Performband, composto por Alejandro Rodríguez Salamanca, Francisco Javier Honduvilla e Jorge Rodríguez Dueñas, recibiu varios dispositivos tecnolóxicos e terá a posibilidade de dar visibilidade á súa aplicación.
Segundo fixeron saber os responsábeis da proba, “o hackathon é unha experiencia moi estimulante que permite coñecer persoas coas túas mesmos intereses e que ademais pode converterse nunha plataforma profesional". Elena Álvarez, directora de desenvolvemento de negocio de Snap e membro do xurado do certame, “trátase dun éxito tecnolóxico que deixa claro que a plataforma de pagos pode ser integrada por calquera comercio en menos de 24 horas. Para nós a relación coa comunidade de desenvolvedores é fundamental xa que co coñecemento de volta xerado podemos seguir traballando para implementar as fortalezas de Snap”.

PUBLICIDADE