Unha aplicación móbil galega facilita a memorización de números

venres, 4 de maio do 2012 Marcus Fernández

A aplicación converte os números en imaxes para facilitar a súa memorización

O matemático e astrónomo francés Pierre Hèrigone desenvolveu no século XVII un eficaz método para memorizar números e cifras baseándose na conversión de números en palabras, e que hoxe continúa a ser moi válido, aínda que precisa de meses de adestramento para dominalo, o que levou ao pedagogo galego José Ramón García Guinarte a emprender unha investigación coa compañía IDi Creative, que levou ao desenvolvemento da aplicación para iOS chamada Memorize IDi, que multiplica a eficacia do método de Hèrigone ao transformar calquera número de xeito automático en imaxes moi sinxelas de lembrar, polo que a nosa memoria pode almacenar con rapidez calquera número independentemente da súa cantidade de díxitos.
Deste xeito, unha persoa cun cociente intelectual normal pode converterse nun xenio da memorización tras un pequeno adestramento, o que agradecerán especialmente estudantes e opositores á hora de poder lembrar datas, dimensións e moitos outros números, aínda que calquera cidadán poderá atopar tamén a utilidade desta ferramenta de memorización, para non esquecer así contrasinais e toda sorte de códigos que hai que memorizar no día a día.
Este método chega así a través dunha completa aplicación que vai adestrando de xeito paulatino ao usuario, ofrecéndose en 3 idiomas e comercializándose na App Store por 2,39 euros na súa versión para iPhone e por 2,99 euros na súa versión para iPad. IDi Creative xa está a traballar nunha versión desta ferramenta para dispositivos co sistema operativo Android.


Vídeo no que podemos ver o funcionamento de Memorize IDi

PUBLICIDADE